A Deputación convoca o VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade
Dende o 29 de xuño e ata as 14 horas do 23 de xullo estará aberto o prazo de admisión de propostas para o VI Premio Luísa Villata a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña. Con un orzamento total de 100.000 euros, o certame concedera oito premios por un importe máximo de 12.500 euros cada un.
Obxectivos do certame
O concurso ten por obxecto o fomento da igualdade mediante a realización de proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e contribúan de xeito relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e interseccionalidade.
“Queremos recoñecer e consolidar propostas que contribúan a rachar coas desigualdades de xénero en todos os espazos da vida”, apuntou a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra. “Por iso, premiamos proxectos que fomenten unha sociedade máis feminista e igualitaria”.
Os proxectos poden ser de calquera disciplina artística (música, literatura, escena, imaxe, arte urbana...) e poderán ser de sensibilización, educación, empoderamento, investigacións, etc. Todos eles deben procurar a visibilización da muller no campo social e cultural.
Proxectos premiados no 2023
A peza escénica As damas de Ferrol, de Teatro do Noroeste, e os programas de sensibilización ‘As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias’, da ONG Ecos do Sur, e ‘Mulleres da rúa’, da A.V. Oza Gaiteira Os Castros, foron os gañadores na pasada edición do premio.
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da convocatoria realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña.
As bases foron publicadas no BOP número 107, do pasado 4 de xuño, e poden consultarse descargarse na seguinte ligazón.