A Deputación convoca o III Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia

ACoruñaXa
O certame distribuirá douscentos mil euros entre quince proxectos que poñan en valor o pasado medieval galego
Proxectos Reino de Galicia Deputación Coruña
23 Dec 2024

A Deputación da Coruña abre a convocatoria da terceira edición do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, unha iniciativa que busca impulsar o coñecemento e a divulgación do pasado medieval galego. O prazo para presentar propostas estará aberto entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro de 2025.

Nesta ocasión, seleccionaranse quince proxectos, que recibirán unha dotación total de douscentos mil euros: vinte mil euros para cada un dos tres proxectos mellor puntuados, catorce mil euros para os cinco seguintes e dez mil euros para os sete restantes. As iniciativas deberán desenvolverse na provincia da Coruña ao longo do ano 2025.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia do certame para “combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia”. Aposta tamén pola posta en valor de figuras e momentos históricos relevantes, como Xelmírez, Pardo de Cela ou as Irmandades, e lugares emblemáticos como o Panteón Real da Catedral de Santiago.

As bases do certame poden consultarse no BOP do 20 de decembro, e as solicitudes presentaranse de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL.

 

0.16432309150696