A Deputación convoca a IV edición do Premio 'Xoán Vicente Viqueira' de investigación

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria da cuarta edición do Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación, co fin de recoñecer persoas e entidades que destaquen nestes ámbitos e poñer en valor o talento investigador desde Galicia e o conxunto do Estado. O prazo de presentación de candidaturas desenvolverase do 17 de novembro ás 08.00 horas ao 17 de decembro ás 14.00 horas, mediante tramitación telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación.
O premio, organizado coa colaboración do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial ‘Xoán Vicente Viqueira’, homenaxea a figura do filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón, vencellado a Vixoi (Bergondo) durante a súa infancia.
A convocatoria estrutúrase en tres modalidades, dotadas con 6.500 euros cada unha (19.500 euros en total): traxectoria de vida dedicada á investigación; innovación científica; e calidade dun traballo desenvolvido por unha persoa investigadora nova (menor de 35 anos). As candidaturas deberán presentarse a través de persoas físicas ou xurídicas vinculadas á investigación e non se admitirán autocandidaturas. Entre as áreas admitidas inclúense socioloxía, historia, xeografía, educación, ciencia política, economía, dereito, comunicación, filosofía, antropoloxía ou estudos culturais. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP nº 208, 30/10/2025) e na sede electrónica provincial.
O xurado estará presidido pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e integraránno cinco persoas de recoñecido prestixio, con representación da Deputación, do Concello de Bergondo e do Instituto. O Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial ‘Xoán Vicente Viqueira’, entidade colaboradora do premio, é unha asociación galega creada en 1993 orientada á divulgación científica no eido psicosocial e ambiental.