A Deputación convoca a competición XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado

A Deputación da Coruña aprobou a convocatoria e as bases reguladoras da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado, unha das competicións deportivas máis consolidadas da provincia. Nesta edición, os equipos campións das copas oficiais organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol nas catro grandes zonas provinciais —A Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Sar— competirán pola vitoria final.
A través da área de Deportes, o ente provincial destina 24.000 euros en premios para esta nova edición, que incluirá categorías masculina e feminina. Os encontros disputaranse nun formato de sede única, distribuídos en dúas xornadas: unha para as semifinais e outra para as finais. O sorteo que determinará o calendario da competición celebrarase o martes 17 de xuño na sede da Deputación.
Respecto á repartición dos premios, os equipos campións masculino e feminino recibirán 5.000 euros, mentres que os subcampións obterán 4.000 euros. Os dous equipos que se queden nas semifinais, tanto na categoría masculina como feminina, serán premiados con 1.500 euros cada un.
A Deputación anunciará nas próximas semanas as datas e lugares nos que se disputarán os partidos, información que estará dispoñible na súa páxina web e na da Federación Galega de Fútbol. A entrada será libre e gratuíta para todos os encontros.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que “a Copa Deputación é unha mostra do compromiso da institución provincial co deporte de base e coa igualdade, reunindo a equipos masculinos e femininos de toda a provincia nun formato atractivo, competitivo e participativo”. Engadiu que “a Copa Deputación de Fútbol é xa un clásico do verán, moi agardado tanto polos afeccionados como polos clubs da provincia. Estou seguro de que gozaremos dun gran espectáculo”.
Con esta convocatoria, a Deputación da Coruña reforza o apoio ao deporte base e afeccionado, promovendo a práctica deportiva en igualdade e favorecendo a participación dos clubs de todos os recunchos da provincia.