A Deputación convoca 59 bolsas deportivas para deportistas da provincia

ACoruñaXa
Poderán solicitalas deportistas de calquera modalidade do programa oficial dos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París
dep-deportes
26 Mar 2025

A Deputación da Coruña, na súa constante labor de apoio e promoción do deporte na provincia, convocou este ano un total de 59 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha, dirixidas a deportistas que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional. O orzamento global para estas axudas ascende a 206.500 euros.

A convocatoria crece respecto aos últimos anos, pasando de 45 bolsas en 2023 a 59 en 2025. O deputado de Deportes, Antonio Leira, explicou que o obxectivo desta ampliación é "chegar ao maior número de deportistas posible e axudarlles a desenvolver todo o seu potencial, acceder á mellor preparación e competir ao máis alto nivel".

Leira tamén lembrou que grandes nomes do deporte galego e coruñés, como Ana Peleteiro, Emmanuel Reyes, Carlos Arévalo ou Belén Toimil, iniciaron as súas carreiras deportivas grazas a estas bolsas. "Queremos apoiar as futuras promesas do noso deporte e ofrecerlles un apoio fundamental para que poidan desenvolver todo o seu talento", afirmou.

Cada bolsa, no valor de 3.500 euros, poderá ser solicitada por deportistas residentes na provincia da Coruña que practiquen calquera modalidade deportiva incluída no programa oficial dos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París. Os deportistas interesados deberán acreditar a súa residencia en algún dos concellos da provincia cunha antigüidade mínima de dous anos.

As solicitudes só se poderán presentar de forma telemática, a través da plataforma SUBTEL, entre o 27 de marzo e o 15 de abril de 2025 ás 14.00 horas.

As bolsas divídense en catro categorías en función da idade dos solicitantes:

- Grupo A: 20 bolsas para persoas de entre 12 e 17 anos.
- Grupo B: 20 bolsas para persoas de entre 18 e 23 anos.
- Grupo C: 15 bolsas para persoas de entre 24 e 32 anos.
- Grupo D: 4 bolsas para persoas de 33 anos ou máis.

 

⚙ Configurar cookies
0.13340497016907