A Deputación conmemora o Día da Música cunha programación especial por toda a provincia

ACoruñaXa
O ciclo de concertos desenvolverase ao longo de todo o mes de xuño en diferentes concellos
dep-vilasantar
27 May 2025

A área de Cultura da Deputación da Coruña celebra o Día da Música cun ciclo de concertos que se desenvolverán ao longo de todo o mes de xuño en diferentes concellos da provincia. A iniciativa, que leva por título 'Festa da Música', ten como obxectivo achegar a música galega en directo a diversos puntos do territorio e ampliar a oferta cultural accesible para toda a cidadanía.

O ciclo arrancará o 11 de xuño en Vimianzo co espectáculo 'A cadeira da avoa', do grupo As Tareixas, que se representará ás 11.00 horas no auditorio da Casa da Cultura. Esta proposta chegará tamén a Vilasantar, o 19 de xuño no CEIP Présaras (ás 12.00 horas), e a Boiro, o día 21 na área recreativa de Praia Xardín (ás 18.oo horas).

A Banda da Loba será outra das protagonistas deste ciclo, cunha serie de actuacións nas que presentarán o seu espectáculo 'Lovismo'. Estarán o 19 de xuño en Arzúa, na praza de Galicia ás 21.00 horas (ou no Multiusos Terra do Queixo se chove); o 20 de xuño en Arteixo, no anfiteatro do Paseo Fluvial (ou no auditorio en caso de mal tempo); e o 21 de xuño en Cee, ás 22.00 horas no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura.

Tamén o proxecto 'Agora é o tempo', que reúne ao escritor Francisco Castro e A banda dos Borges, terá presenza na programación cun dobre concerto: o 20 de xuño en Padrón, no atrio do Convento do Carme (ás 20.30 horas), e o 21 en Culleredo, no auditorio do edificio de Servizos Múltiples do Burgo (tamén ás 20.30 horas).

Como colofón, o 21 de xuño, Día da Música, o Teatro Colón da Coruña acollerá o concerto de Carmela, que presentará o seu espectáculo 'Vinde todas', unha proposta que conxuga música e reivindicación en clave feminina.

A Deputación aposta así por unha celebración descentralizada e diversa, poñendo en valor a música feita en Galicia e facilitando o acceso á cultura en vivo a través dunha programación pensada para públicos de todas as idades e en espazos accesibles.

⚙ Configurar cookies
0.16519904136658