A Deputación celebra o Día de Europa con actividades para achegar os valores e políticas da UE á cidadanía

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña ilumínase de azul o 9 de maio, xornada no que terán lugar as entregas de premios do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia e de Embaixadorxs Destino Europa
Imaxe do edificio da Deputación da Coruña
8 Maio 2024

O vindeiro venres 9 de maio EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Día de Europa con varias actividades programadas para difundir o coñecemento da Unión Europea entre a cidadanía da provincia. Ademais, para acompañar esta celebración, o Pazo Provincial da Deputación da Coruña iluminarase de azul dende a media noite do 9 de maio.

O centro de información oficial da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña convida a descubrir os valores e as oportunidades de Europa co espectáculo ‘A Maxia de Europa’, unha actividade que levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a seis concellos da provincia adheridos á rede Europa no teu Concello. O espectáculo itinerante ‘A Maxia de Europa’ percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Narón entre o 7 e o 15 de maio.
O contacontos ‘Coñece Europa con Kalopsia’ é outra das actividades que chegará á rede Europa no teu Concello durante a semana de Europa. Esta sesión de narración oral explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. Na semana de Europa visitará os Concellos de Padrón, Dumbría e Lousame.

Tamén continúa a súa itinerancia pola provincia ‘Experiencia Europa’, unha mostra interactiva que ten como obxectivo facer partícipe a toda a cidadanía da relevancia da transición dixital en Europa. Os visitantes aprenderán, utilizando modernos dispositivos multimedia, como funciona a Unión Europea e como inflúe na súa vida diaria. A exposición pódese visitar na Casa da Cultura do Concello Porto do Son ata o 13 de maio e, a partir desa data, na Casa da Cultura do Concello de Negreira.

Entrega de premios Cidadanía Europea en Galicia e Embaixadorxs Destino Europa

Na mañá do 9 de maio, o Pazo Provincial acollerá as entregas de premios dos dous concursos que EUROPE DIRECT A Coruña organizou cara o Día de Europa. Os premios da undécima edición do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia, que este ano tiña por lema ‘Europa cerca de ti’, entregaranse ás 9 horas.

Nesta edición acadou o primeiro premio Andoni Urresti coa súa fotografía “Cúpula de Estrellas: Un susurro de unidad”, unha imaxe tomada na antiga cisterna do castelo de Liubliana e pola que recibirá unha cámara de fotos. En segundo lugar, quedou a fotografía “Arte e movemento”, de Malena Casal, que simboliza a liberdade de circulación das persoas en Europa. Recibirá un tablet como premio.

No segundo acto do día, que comezará ás 13.00 horas, EUROPE DIRECT A Coruña fará entrega dos bonos de interrail que gañaron os e as participantes na campaña Embaixadorxs Destino Europa, unha iniciativa do centro para difundir as oportunidades europeas para a mocidade en redes sociais.

Os membros do ClubUE (Alberto López, Tania Aguiar, Laura López, Lara de la Iglesia, Sara Figueroa, Marcos Hernández, Teresa Maroño e Natalia Fraga) compartiron 160 publicacións e historias durante tres semanas dende as súas contas de Instagram para difundir os programas e iniciativas da Unión Europea para a mocidade. Os participantes que cumpriron cos requisitos do concurso recibirán o Día de Europa un Interrail Global Pass que permite viaxar en tren por Europa.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Prograam europa 1
0.12307500839233