A Deputación arroupa ao Liceo tras a súa undécima Copa do Rei e mira xa cara á OK Liga

ACoruñaXa
O presidente provincial, Valentín González Formoso, recibiu ao conxunto coruñés tras o triunfo por 1-4 ante o Calafell en Sant Sadurní d’Anoia e puxo o foco na opción de pechar a tempada cun dobrete, nun momento no que os verdes lideran a OK Liga
DEPU CORU liceo
24 Mar 2026

A Deputación da Coruña rendeu homenaxe este luns, 23 de marzo, ao Deportivo Liceo despois de que o equipo coruñés conquistase a Copa do Rei de hóckey a patíns. No acto institucional, no que tamén participou o deputado de Deportes, Antonio Leira, Formoso trasladou ao cadro liceísta ‘o orgullo de toda unha provincia’ por un éxito que volve situar o club na elite estatal.

A recepción chegou apenas un día despois de que o conxunto adestrado por Juan Copa levantase en Sant Sadurní d’Anoia a undécima Copa do Rei da súa historia, cinco anos despois da anterior. O Liceo impúxose ao Calafell por 1-4 nunha final decidida polo gol inicial de Arnau Xaus e por un triplete de Bruno Saavedra, un triunfo co que iguala o Espanyol no palmarés copeiro e reforza o seu peso histórico no hóckey sobre patíns.

Formoso incidiu no valor colectivo dun equipo competitivo e sólido, e subliñou ademais a dimensión social dunha entidade que xa suma 44 títulos oficiais e continúa a agrandar a súa lenda. Non en van, o Liceo chega a este treito decisivo da campaña como líder da OK Liga, un escenario que alimenta a ilusión de completar unha temporada para o recordo co dobrete de Copa e campionato.

0.11901998519897