A Deputación apura o prazo para anotarse no ‘Quero Cantar 2026’

ACoruñaXa
O certame de música infantil e xuvenil pecha a recepción de propostas o 25 de marzo ás 14.00 horas e ofrece gravación profesional e premios de entre 500 e 1.500 euros
dep-cantar
21 Mar 2026

A Deputación da Coruña lembra que o vindeiro 25 de marzo ás 14.00 horas remata o prazo para presentar solicitudes á novena edición do premio ‘Quero Cantar’ de música infantil e xuvenil 2026, unha convocatoria coa que a institución provincial busca fomentar o uso do galego e apoiar a creatividade musical entre a rapazada.

O concurso está pensado para solistas e grupos que concorran cunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas. A convocatoria distribúese en dúas categorías por idades: infantil, ata 12 anos, e xuvenil, de 13 a 16 anos. As propostas deberán rexistrarse a través da plataforma SUBTEL antes da finalización do prazo.

Entre os incentivos desta edición figura a gravación profesional das cancións gañadoras e dos seus videoclips, ademais de dotacións en material musical, servizos musicais ou produtos culturais en galego. Os primeiros premios de cada categoría recibirán 1.500 euros, mentres que os segundos contarán con 1.000 euros e os terceiros con 500 euros. No apartado xuvenil, a proposta que acade o primeiro posto sumará tamén a participación nun programa formativo específico orientado ao desenvolvemento artístico.

Na pasada edición, o primeiro premio da categoría infantil foi para Gael Ares, mentres que Libres acadou o segundo posto e The Escarabots o terceiro. Na modalidade xuvenil, Emma & Candela fixéronse co primeiro premio, seguidas de Interestelares e WildFire.

As cancións que se presenten pasarán primeiro por unha fase de valoración a cargo dun xurado especializado. Dese proceso sairán as propostas finalistas, que actuarán posteriormente nunha gala final no Teatro Colón da Coruña, onde deberán interpretar os seus temas en directo.

Con esta nova convocatoria, a Deputación reforza a súa aposta pola música en galego e polo talento emerxente, ofrecéndolle á infancia e á mocidade da provincia unha oportunidade para crear, compartir e dar visibilidade aos seus proxectos artísticos.

0.14612197875977