A Deputación aproba unha moción para instar á Xunta a aceptar a condonación da débeda co Estado

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción presentada polo grupo do PSdeG-PSOE relativa á condonación da débeda das comunidades autónomas co Goberno do Estado. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños (AV), mentres que o Partido Popular (PP) votou en contra.
A sesión estivo presidida polo vicepresidente Xosé Regueira, debido á ausencia do presidente Valentín González Formoso, quen participou en Ferrol na presentación da sinatura do protocolo do proxecto Abrir Ferrol ao Mar.
No texto aprobado, a Deputación insta á Xunta de Galicia a aceptar a condonación da débeda proposta polo Goberno de España no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado o pasado 26 de febreiro. Así mesmo, solicítase que os fondos liberados pola medida se destinen á mellora dos servizos públicos de sanidade, educación e servizos sociais.
Ademais, a moción inclúe a petición de establecer un mecanismo de seguimento e transparencia para garantir que os recursos derivados desta condonación teñan un impacto directo e positivo no financiamento local, os servizos públicos e o investimento nos municipios.
O documento aprobado no pleno pon o foco na situación de sobreendebedamento que sofren as comunidades autónomas e responsabiliza desta situación as políticas de financiamento e recortes aplicadas polo Partido Popular en anteriores lexislaturas. Segundo recolle a moción, as políticas de austeridade non garantiron a estabilidade económica, senón que provocaron un endebedamento excesivo e un colapso financeiro, obrigando ás comunidades a recorrer ao crédito para manter os servizos públicos.
Así mesmo, critícase que esta situación xerou graves desigualdades territoriais, polo que se considera que a condonación parcial da débeda impulsada polo Goberno central é un acto de xustiza fiscal e de cohesión territorial. Segundo se recolle no texto, a medida é imprescindible para fortalecer o Estado do benestar e reducir as desigualdades entre comunidades autónomas.
Por este motivo, desde a Deputación da Coruña instan ao Goberno galego a aceptar a proposta do Executivo estatal e poñer fin á “irresponsabilidade sistemática” que, segundo afirman, demostrou o Partido Popular ao abandonar a mesa do Consello de Política Fiscal e Financeira no momento da aprobación da condonación.