A Deputación aproba melloras na seguridade viaria en Suevos, en Arteixo, e en Oza-Cesuras

ACoruñaXa
O investimento total ascende a 1.985.970 euros, entre execución dos traballos e expropiacións necesarias
pleno-marzo-dep
28 Mar 2025

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 0503 ao seu paso polo núcleo de Suevos, en Arteixo. O investimento total ascende a 1.985.970 euros, dos cales 1.676.084 euros destinaranse á execución dos traballos e 309.886 euros ás expropiacións necesarias.

As obras abranguerán o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+000 e 2+100 da vía provincial que conecta Bordeiras co Porto de Suevos. Actualmente, este treito presenta unha forte pendente, curvas de radio reducido e unha calzada estreita sen espazos habilitados para peóns, a pesar da existencia de numerosas vivendas.

Para mellorar a seguridade da vía e a súa contorna, o proxecto contempla a ampliación da estrada e a creación de sendas peonís. No tramo que atravesa o núcleo rural, os carrís terán un ancho de tres metros, ampliándose a 3,5 metros unha vez superada esta zona. Ademais, construirase unha senda peonil en ambas marxes dentro do núcleo de Suevos, e nunha só marxe na parte final da actuación. O proxecto inclúae a creación de zonas de aparcadoiro en liña ou en batería cando o espazo dispoñible o permita, e espazos para a recollida de pluviais.

A pavimentación da vía realizarase con mestura bituminosa e prevése a construción de cinco muros de contención e unha pel de escollera para a protección dunha pendente. Para a execución destes traballos, será necesaria a expropiación de 11.200,54 metros cadrados de terreos situados en Arteixo, dos cales 5.008,54 son chan rural e 6.192 urbanizados sen edificar. O prazo de execución das obras unha vez iniciadas será dun ano.

Renovación do firme na DP 3203 en Oza-Cesuras

O pleno aprobou tamén un investimento de 809.403,82 euros para renovar o firme da estrada provincial DP 3203, que conecta Burricios con Pena de Martín, en Oza-Cesuras. A intervención estenderase desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 8+370.

O proxecto prevé reparar as zonas máis deterioradas da capa de rodaxe e aplicar unha nova pavimentación de mestura asfáltica en quente de seis centímetros de espesor, cubrindo unha superficie de 67.000 metros cadrados. Ademais, renovarase a sinalización e o balizamento do vial. O prazo de execución destas obras será de tres meses a partir da adxudicación.

⚙ Configurar cookies
0.23208093643188