A Deputación aposta polo astroturismo en FITUR coa eclipse total do Sol do 12 de agosto como gran reclamo

ACoruñaXa
O vicepresidente Xosé Regueira presentou en Madrid unha campaña que combina promoción turística e mensaxe de concienciación, destacando os xeodestinos da Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas como Destinos Starlight
DEPU CORUÑA fitur
23 Jan 2026

A Deputación da Coruña levou esta semana a FITUR (Madrid) unha proposta turística centrada no potencial do ceo nocturno como atractivo de viaxe, co foco posto na eclipse total do Sol prevista para o 12 de agosto. O vicepresidente e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, explicou que a iniciativa busca atraer visitantes, pero tamén transmitir unha visión científica e impulsar a sensibilización arredor do respecto polos ceos escuros.

Na presentación, Regueira estivo acompañado por perfís especializados no ámbito da astronomía e do turismo vencellado á observación do firmamento, como a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Begoña Nicolás (Astronomía e Astrofísica), Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, e José Romero, guía de astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

O vicepresidente provincial puxo en valor que a provincia será un dos territorios de Europa con mellores condicións para observar o fenómeno e sinalou, ademais, a coincidencia con outros fitos astronómicos. Entre eles, destacou que a noite do 12 ao 13 de agosto coincide co pico das coñecidas como bágoas de San Lourenzo, unha das choivas de estrelas máis populares do ano.

A campaña serviu tamén para reivindicar a necesidade de protexer espazos con pouca contaminación lumínica. Nesa liña, a Deputación lembrou que dous dos seus xeodestinos, a Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas, contan co recoñecemento de Destinos Turísticos Starlight, un selo vencellado á calidade do ceo para a observación e á aposta por experiencias de turismo responsable.

Máis alá da eclipse, Regueira defendeu en FITUR un modelo turístico “diferente”, no que a calidade prime sobre a cantidade e no que se coide a identidade e a autenticidade dos territorios.

⚙ Configurar cookies
0.084508895874023