A Deputación apoia aos clubs e deportistas que compiten a nivel estatal e internacional

ACoruñaXa
Esta achega económica beneficiará neste 2025 a 156 entidades deportivas da provincia
Imaxe do deputado da Coruña de deportes, Antonio Leira
26 May 2025

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a resolución definitiva do seu programa anual de apoio a clubs e deportistas, cun investimento total de 1.190.589 euros. Esta achega económica beneficiará neste 2025 a 156 entidades deportivas da provincia que compiten en ligas e torneos de ámbito nacional e internacional.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que esta liña de axudas “é fundamental para garantir a presenza do deporte coruñés nas competicións de máis alto nivel”, ao tempo que permite que os clubs “poidan centrarse nos aspectos deportivos sen verse afogados polos custos que supón competir fóra: desprazamentos, fichas, material...”.

As axudas distribúense entre equipos masculinos e femininos de múltiples disciplinas, desde as máis mediáticas como o fútbol ou o baloncesto, ata outras menos visibles pero con forte presenza na provincia como o piragüismo, remo, judo, ximnasia ou taekwondo.

“Queremos que todas as modalidades teñan o seu espazo, e tamén garantir que o apoio chegue por igual a clubs femininos e masculinos, porque a igualdade tamén se constrúe dende o deporte”, subliñou Leira.

Entre as entidades que recibirán maiores achegas destacan o Baxi-Uni Ferrol de baloncesto feminino, que percibirá 53.691 euros pola súa participación na Liga Endesa, a mesma cantidade que o Hockey Club Liceo da Coruña. O Club Noia de Fútbol Sala recibirá 43.664 euros, mentres que a escola Basket Xiria de Carballo e o Club de Baloncesto Culleredo contarán con 26.952 euros cada un. Outros equipos destacados como o Bergantiños FC ou a SD Compostela recibirán 22.273 e 22.139 euros, respectivamente.

Con este programa, a Deputación reafirma o seu compromiso co deporte base e de elite, apoiando a continuidade, o crecemento e a proxección dos clubs que levan o nome da provincia máis alá das súas fronteiras.

⚙ Configurar cookies
0.15787696838379