A Deputación apoia a entidades que traballan pola protección do medio ambiente

ACoruñaXa
As achegas permitirán financiar a protección de hábitats de alto valor ecolóxico e do medio mariño
dep-axudas-2
15 Apr 2025

A Deputación da Coruña vén de conceder 352.596,59 euros a 27 entidades sen ánimo de lucro da provincia para apoiar iniciativas encamiñadas á conservación do medio ambiente. A resolución provisional destas axudas foi publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), cunha contía que oscila entre os 2.000 e os 25.000 euros por proxecto.

As achegas permitirán financiar actuacións moi diversas, que van desde a protección de hábitats de alto valor ecolóxico e do medio mariño ata a educación ambiental e a recuperación de espazos naturais. A deputada provincial de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou a importancia destas iniciativas, que “non só contribúen a preservar a riqueza natural da nosa provincia, senón que tamén fomentan a concienciación social e especialmente do alumnado, promovendo unha cultura de sustentabilidade desde idades temperás”.

Entre os proxectos apoiados, figuran propostas consolidadas como o programa de custodia do territorio da Fundación Fragas do Mandeo, ou iniciativas innovadoras como “Defende o mar a través do surfing”, impulsada pola asociación Surf and Clean, que combina educación ambiental nas aulas e nas praias da provincia, dirixida ao público escolar.

Tamén recibirán apoio económico actividades de limpeza de espazos naturais, recuperación de bosques autóctonos ou mellora da calidade da auga en contornos rurais. Exemplos salientables son o proxecto da Asociación Vento Noso centrado na auga, o mantemento e ampliación da senda do río Condomiñas da Asociación dos Ríos de Cedeira ou a restauración da Fraga do Faroleiro da man da Asociación Fragas do Ortegal.

Estas subvencións enmárcanse dentro da aposta da Deputación por un desenvolvemento sostible e unha maior implicación cidadá na defensa do patrimonio natural. “Cada unha destas accións, por pequena que sexa, suma na loita contra a emerxencia climática e na construción dunha provincia máis verde e habitable para as vindeiras xeracións”, concluíu García.

⚙ Configurar cookies
0.11974692344666