A Deputación aperta pola escola inclusiva e reclama á Xunta reforzos urxentes de PT e AL

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres unha iniciativa que insta a Xunta de Galicia a cumprir a normativa de atención á diversidade e a reforzar de maneira inmediata os recursos humanos nos colexios e institutos. A moción, impulsada conxuntamente por PSdeG-PSOE e BNG, saíu adiante co voto en contra do PP.
O acordo plenario pon o foco na falta de profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) e en Audición e Linguaxe (AL), unha carencia que, segundo os grupos proponentes, está a lastrar a atención individualizada do alumnado con necesidades específicas e a abrir fendas de desigualdade no ensino público.
Entre as medidas que se reclaman figura a cobertura inmediata de todas as prazas vacantes e o remate da práctica de compartir profesionais entre varios centros, unha fórmula que, segundo advertiu o voceiro socialista Bernardo Fernández, termina por reducir o tempo efectivo de apoio e dificulta responder ás necesidades reais de cada neno e nena.
O socialista sinalou tamén que a proposta recolle unha demanda reiterada das ANPAS e das comunidades educativas, trasladada en encontros mantidos nos últimos meses, nos que se denuncia unha perda sostida de recursos de reforzo para o alumnado que precisa apoio especializado.
Pola súa banda, a portavoz do BNG, Abia Veira, exemplificou a situación co caso do CEIP Concepción Arenal da cidade, onde a comunidade educativa vén alertando da presión asistencial que supón atender arredor de 80 estudantes con necesidades educativas con persoal de apoio considerado insuficiente.
A realidade deste centro xa motivou mobilizacións e reclamacións das familias para reclamar máis dotación de profesorado e coidadores, ao entender que a falta de medios compromete a atención e a calidade educativa.