A Deputación amosa a evolución das estradas provinciais a través da historia

ACoruñaXa
O Arquivo da Deputación restaura mapas cartográficos do século XIX e principios do XX que amosan a evolución da rede de estradas da Deputación e cómo contribuíu á vertebración do territorio provincial
Imaxe do plano de carreteiras provinciais da provincia da Coruña
Imaxe do plano de carreteiras provinciais da provincia da Coruña
7 may 2024

O Arquivo da Deputación da Coruña dedica o 'Documento do mes' de maio a coñecer os camiños e estradas da provincia e a súa evolución ao longo do século XIX e principios do XX. O documento pode consultarse na seguinte ligazón.

A institución provincial publica cada mes documentos dos fondos do seu Arquivo, nos que se revelan anécdotas ou curiosidades históricas. Nesta ocasión, os protagonistas son os camiños, estradas e vías provinciais coa Deputación como un dos principais actores á hora de realizar a súa construción e conservación.

As vías de comunicación, xunto coas actuacións de beneficencia, acaparan os principais focos de atención das deputacións ao longo do século XIX xunto coa súa produción documental e unha fonte de enorme riqueza.

Segundo se explica nos documentos “liberados” este mes polo Arquivo da Deputación, na primeira metade do século XIX as estradas da provincia non gozan de grandes investimentos a raíz da guerra, pero no ano 1851 promúlgase a Lei de Estradas, establecendo tres tipos de vías: xerais, transversais e provinciais. Aquí xoga un papel fundamental a Deputación, posto que se encarga, xunto co estado, das transversais, e enteiramente das provinciais con subvencións estatais e locais a cargo dos municipios.
No ano 1857 introdúcese unha nova modificación para incluír a rede de ferrocarrís e, posteriormente, realízase outra reforma para clasificar as estradas segundo o órgano que as custeaba.

O sistema de financiamento destas infraestruturas a finais do século XIX realizábase a través de recargas sobre tributos ao consumo, algo que se considerou insuficiente, polo que a partir do ano 1911 se empezaron a recibir subvencións estatais, que podían chegar ata o 70 % do investimento e de anticipos ás autoridades locais a devolver en 30 anos, creando as bases para a expansión da rede de estradas locais.

No ano 2023, o Arquivo da Deputación restaurou a ‘Carta de la provincia de La Coruña con las carreteras del estado y provinciales y caminos subvencionadas’, que sumado aos documentos ‘Croquis de la provincia con las vías de comunicación de la misma’ e a ‘Carta de la provincia de la Coruña con las carreteras del estado provinciales y caminos subvencionados’ ofrecer unha panorámica da evolución no avance dos trazados provinciais no contexto institucional e económico desta etapa histórica en particular.