A Deputación activa a concesión provisional de 770.000 euros para soster o persoal técnico de cultura nos concellos

ACoruñaXa
O programa FO206/2026 reparte axudas entre un máximo de 63 entidades locais e abre un prazo de dez días hábiles para alegacións tras a súa publicación no BOP
natividad-dep
25 Feb 2026

A Deputación da Coruña deu a coñecer a resolución provisional do programa FO206/2026, unha liña de subvencións pensada para financiar os gastos de persoal técnico dos servizos municipais de cultura durante o exercicio 2026. O obxectivo é manter unha rede estable de profesionais en todo o territorio e asegurar unha xestión cultural con continuidade, especialmente nos concellos con menos recursos.

Segundo explica a deputada de Cultura, Natividade González, trátase dun programa ‘fundamental para garantir que a cultura chegue a todo o territorio, especialmente aos concellos máis pequenos’, co foco posto en reforzar os servizos municipais, profesionalizar a súa xestión e consolidar programacións ‘estábeis, accesíbeis e de calidade’ ao longo do ano.

A convocatoria establece dúas modalidades principais: por unha banda, as axudas para postos de técnico de xestión cultural a tempo completo sitúanse en 14.895 euros; pola outra, o apoio ao persoal de animación sociocultural acada os 9.650 euros. O total previsto na repartición provisional ascende a 769.278,93 euros, para un máximo de 63 entidades locais.

No Boletín Oficial da Provincia (BOP) detállase, ademais, que o importe global solicitado polas entidades foi superior ao crédito dispoñible (797.180,24 euros), o que obrigou a aplicar unha redución proporcional das contías, cunha porcentaxe de aplicación do 96,5 por cento.

Na relación de beneficiarios aparecen varios concellos da comarca: Bergondo e Carral figuran na modalidade de animación sociocultural, mentres que Abegondo, Betanzos, Coirós, Culleredo, Miño e Vilasantar aparecen na modalidade de xestión cultural, xunto coa Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Tamén se inclúen concesións condicionadas para, entre outros, Irixoa e Ordes, pendentes de emendar documentación segundo os requisitos fixados na resolución provisional.

A resolución publicada no BOP abre un prazo de dez días hábiles, contado desde o día seguinte á publicación, para presentar alegacións, corrixir erros ou comunicar a desistencia. Se non hai comunicación, a axuda entenderase aceptada tacitamente, aínda que a concesión provisional non xera dereito de cobro ata a resolución definitiva.

0.08751916885376