A Deputación activa 800.000 euros para impulsar o sector pesqueiro e marisqueiro da provincia en 2026

A Deputación da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia dúas novas convocatorias de axudas por 800.000 euros co obxectivo de fortalecer o sector pesqueiro e marisqueiro da provincia. As subvencións van dirixidas ás confrarías de pescadores, ás súas federacións provinciais e ás agrupacións de mariscadoras e mariscadores, e organízanse en dúas liñas complementarias.
A primeira liña, dotada con 650.000 euros, abrangue dúas modalidades. Unha (500.000 euros) financiará a modernización e o mellor desenvolvemento das actividades propias, con actuacións como o alugueiro de maquinaria e equipos, a contratación de persoal (incluída a vixilancia marisqueira) e a compra de sementes de moluscos. A outra (150.000 euros) destinarase á organización de festas e accións de promoción dos produtos do mar, asumindo gastos de difusión, alugueiros, servizos ou seguros. Festas tradicionais como a do Percebe do Roncudo (Corme), a da Centola (Lorbé) ou a do Marisco de Barallobre (Fene) veñen contando con apoio provincial para poñer en valor produtos de calidade.
A segunda liña, cun orzamento de 150.000 euros, está pensada para investimentos e melloras nas infraestruturas das confrarías e agrupacións: desde a actualización do equipamento técnico-sanitario en lonxas e oficinas ata a implantación de novas técnicas produtivas, a adquisición de vehículos ligados á actividade ou actuacións de acondicionamento en locais.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, subliñou o compromiso da entidade provincial coas xentes do mar: 'Trátase dun sector esencial para a economía da nosa provincia, que xera emprego, cohesión social e mantén viva a cultura mariñeira; a Deputación quere estar ao seu carón para que o mar siga a ser futuro'.