A Deputación achega 35.000 euros aos proxectos pola igualdade da Universidade da Coruña

ACoruñaXa
O programa Arrolarte, liderado con perspectiva feminista e puntos violeta son algunhas das iniciativas financiadas a través do convenio asinado por Soledad Agra e Ricardo Cao Abad
Deputación e Arrolarte
29 Dec 2024

A Deputación da Coruña reforza o seu compromiso coa igualdade a través dun convenio que achega 35.000 euros á Universidade da Coruña (UDC) para financiar varios proxectos desenvolvidos en 2024. A deputada Soledad Agra e o reitor Ricardo Cao Abad asinaron o pasado venres o acordo, que cubre o 80 % do orzamento presentado pola institución académica.

Entre as iniciativas financiadas destaca o programa Arrolarte, centrado nos coidados e autocoidados feministas, así como propostas de liderado con perspectiva feminista, accións de sensibilización para homes como aliados do feminismo e a instalación de puntos violeta de información sobre igualdade e loita contra a violencia machista. Tamén se inclúe unha guía de acollemento e acompañamento para vítimas de violencia de xénero.

Durante o acto, Soledad Agra destacou a importancia dun convenio que impulsa “políticas absolutamente necesarias, compartidas polo departamento de Igualdade da Deputación e pola UDC, como a formación, a sensibilización e a intervención fronte ás diversas formas de violencia de xénero, ademais de promover a conciliación e a corresponsabilidade”.

A deputada subliñou que o ámbito universitario é “un espazo clave para implementar políticas de igualdade” e puxo especial énfase nas accións que involucran aos homes que cuestionan os modelos tradicionais de masculinidade. Estas iniciativas, dixo, promoven “unha sociedade máis xusta e igualitaria para o desenvolvemento pleno de todas as persoas”.

0.1358790397644