A Deputación achega 300.000 euros para o novo centro de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco na Coruña

ACoruñaXa
O futuro edificio, que se construirá nunha parcela cedida polo Concello entre as rúas Solís e Eirís de Arriba, permitirá atender arredor de 40 persoas
depu coru adececo
6 Mar 2026

A Deputación da Coruña destinará 300.000 euros á construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco). O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da entidade, Juan Luis Delgado, formalizaron o convenio de colaboración nun acto celebrado na sede da institución provincial, no que tamén participou o deputado provincial e tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage Tuñas.

O proxecto permitirá dotar a Adaceco dunhas instalacións especializadas para a atención e rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido, ampliando os servizos que a asociación presta actualmente e mellorando a calidade asistencial tanto para as persoas usuarias como para as súas familias.

O novo centro levantarase nunha parcela de preto de 2.000 metros cadrados cedida polo Concello da Coruña, situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba. O edificio contará con planta baixa e dúas alturas e terá capacidade para ofrecer atención especializada a arredor de 40 persoas cando entre en funcionamento.

Durante o acto, o presidente da Deputación destacou a importancia de apoiar o traballo das entidades sociais que desenvolven unha labor esencial na atención ás persoas máis vulnerables. Segundo indicou, a colaboración con Adaceco supón un compromiso que beneficia non só á cidade da Coruña, senón ao conxunto da provincia e de Galicia, xa que a entidade presta servizo a numerosos usuarios.

Formoso subliñou tamén que o novo centro permitirá dar un salto cualitativo na atención ao dano cerebral adquirido, ao contar con instalacións modernas e adaptadas ás necesidades das persoas usuarias, facilitando ademais a ampliación de programas terapéuticos.

Pola súa banda, o presidente de Adaceco agradeceu o apoio da Deputación e destacou que a entidade atende persoas procedentes de diferentes puntos da provincia, desde Carballo ata Neda, polo que o novo equipamento terá un carácter de referencia territorial. Delgado explicou tamén que a achega económica permitirá reducir o crédito dun millón de euros solicitado para a construción do edificio.

José Manuel Lage Tuñas salientou a importancia da actuación para a cidade e para a propia asociación, e indicou que a previsión é que A Coruña conte en 2027 cun centro pioneiro na atención ao dano cerebral adquirido.

0.12351298332214