A Deputación achega 200.000 euros para a reforma interior da residencia Ricardo Baró de Aspronaga en Oleiros

ACoruñaXa
A actuación, cun investimento total de 378.805 euros, mellorará accesibilidade, funcionalidade e confort nun centro que atende 71 persoas con discapacidade
DEPUTACIÓN aspronaga oleiros
21 Dec 2025

A residencia Centro Ricardo Baró de Montrove (Oleiros) afrontará unha reforma interior para actualizar as súas instalacións e adaptalas ás necesidades actuais das persoas usuarias e do persoal. O proxecto será financiado mediante un convenio asinado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de Aspronaga, Nicanor Álvarez, polo que a institución provincial achega 200.000 euros (o 52,8 % dun investimento global de 378.805 euros).

O Centro Ricardo Baró é unha residencia permanente construída en 1985 que presta atención, na actualidade, a 71 persoas con discapacidade que precisan apoio continuado para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria. A antigüidade do inmoble e o uso intensivo ao que está sometido fan necesaria unha intervención de calado para gañar en accesibilidade, mellorar a distribución e facer os espazos máis confortables e humanizados.

Segundo se recolle no proxecto, unha das actuacións destacadas será a eliminación das cubertas dos patios 1 e 2 para recuperar iluminación natural na zona central do edificio. Esta medida completarase coa dotación de sistemas de evacuación de augas pluviais e coa substitución da carpintería exterior que separa o patio do novo comedor. Ademais, prevese reorganizar a zona de servizos que rodea os patios, eliminando o corredor que comunica o patio 3 coa sala de estar 2, o que permitirá gañar un espazo máis amplo e luminoso destinado a novas salas de comedor.

No apartado de accesibilidade, a reforma busca facilitar a mobilidade e o traballo asistencial no día a día. Ampliaranse corredores e portas para permitir o paso de padiolas e bañeiras xeriátricas, e mellorarase de maneira significativa o acceso ás habitacións e aos espazos de baño. Tamén se incrementará a superficie dos aseos, incorporaranse armarios empotrados nos dormitorios, renovarase o falso teito do edificio (agás na zona de administración) e substituiranse portas interiores para axustalas ás dimensións mínimas esixidas pola normativa vixente.

A intervención inclúe, así mesmo, cambios orientados á seguridade e á evacuación: as portas corredoiras actuais das salas de estar 1 e 2 e dos porches leste e norte substituiranse por portas abatibles de eixo vertical. E, no plano das instalacións, executarase unha reforma integral da sala de caldeiras, coa instalación dunha nova caldeira de gas natural de máis de 70 kW e a renovación de válvulas, tubaxes, illamentos e da propia instalación de gas.

Durante a sinatura, a Deputación puxo o foco no impacto social do proxecto, mentres que Aspronaga destacou a colaboración mantida co paso dos anos (desde a apertura do centro, no ano 1989) e o valor de seguir mellorando recursos asistenciais para persoas con grandes necesidades de apoio. A reforma interior tamén se formula tendo en conta unha futura ampliación mediante un edificio anexo, que permitirá incrementar o número de prazas dispoñibles.

⚙ Configurar cookies
0.084637880325317