A Deputación acepta a renuncia de Culleredo á axuda para a Praza Sagrada Familia

ACoruñaXa
Unha resolución provincial dá por desistido o investimento de 573.752,26 euros ao seguir a obra sen adxudicar, como alertara Alternativa, aínda que o Concello insiste en que o proxecto está licitado e pretende recuperar os fondos nun plan posterior
cull-sagrada-familia
20 Nov 2025

O cruzamento de acusacións pola reforma da Praza Sagrada Familia en Vilaboa subiu de ton nas últimas horas. Alternativa dos Veciños fixo pública a resolución da Deputación da Coruña na que se acepta expresamente a renuncia do Concello de Culleredo á achega provincial destinada a este proxecto, un investimento de 573.752,26 euros incluído no POS+ Adicional 2/2022.

No documento, o organismo provincial lembra que a obra de 'Rexeneración da Praza Sagrada Familia en Vilaboa' figura 'sen adxudicar e, polo tanto, sen executar' e que as bases do plan fixaban o 30 de novembro de 2025 como prazo máximo para rematar os traballos, ampliable ata o 30 de novembro de 2026 só para actuacións xa iniciadas por causas alleas ao Concello. Engade que Culleredo comunicou que o contrato se atopaba en fase de 'proposta de adxudicación', polo que non sería posible cumprir cos prazos, e que por iso solicitou que, se a prórroga non era viable, se recuperase a achega provincial nun plan posterior. A Deputación resolve finalmente aceptar esa renuncia e ordenar a retirada da dotación económica asociada a este investimento.

Esta resolución chega despois de que onte o goberno local cualificase de 'informacións falsas' as críticas de Alternativa, que advertira da perda da subvención. Desde o executivo municipal sostéñase que non se perdeu 'ningunha axuda' e que o procedemento de renuncia e reinvestimento forma parte da tramitación habitual acordada cos servizos técnicos, insistindo en que a obra está licitada, adxudicada e pendente só de que comecen os traballos, cun orzamento de arredor de 613.962,65 euros.

Alternativa, pola súa banda, interpreta a resolución como unha confirmación da súa denuncia inicial e acusa o goberno de falta de planificación por deixar caer unha liña de financiamento pensada para unha actuación 'moi demandada' pola veciñanza. A formación lembra que o proxecto prevé unha praza en plataforma única, melloras de accesibilidade, máis vexetación, novo pavimento de granito, un parque infantil cuberto nun espazo interior e a creación de novas prazas de aparcamento, en especial na contorna da rúa Río da Cova.

O Concello mantén que a remodelación da Praza Sagrada Familia sairá adiante igualmente e reitera a súa intención de procurar que a Deputación volva apoiar economicamente a actuación nun programa posterior, malia que o escrito provincial deixa por pechada, polo de agora, a achega vinculada ao POS+ Adicional 2/2022.

⚙ Configurar cookies
0.070870161056519