A Deputación abre o prazo para bolsas de investigación e perfeccionamento artístico

A Deputación da Coruña abre o prazo de solicitudes das bolsas destinadas a apoiar á mocidade coruñesa na realización de proxectos de investigación en distintos campos do coñecemento e no perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2025-2026. Ambas convocatorias contan cun orzamento total de 480.000 euros, repartidos en 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.
Este ano convócanse 20 bolsas de investigación, co obxectivo de ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en ámbitos tan diversos como as ciencias da saúde, as ciencias sociais e xurídicas, as humanidades, as ciencias puras ou a enxeñería e arquitectura. Estas axudas están destinadas a persoas con titulación universitaria, menores de 36 anos e con residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán realizar un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses.
No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación destina este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas de 10.000 euros cada unha. As persoas beneficiarias recibirán financiamento para cubrir os gastos derivados da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia en disciplinas como o audiovisual, a danza e as artes do movemento, a ilustración, as artes plásticas e visuais, a música, así como o teatro e a interpretación escénica.
Estas axudas permitirán que estudantes da provincia da Coruña poidan completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas facilitaron a mellora da formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en centros especializados en artes situados en países como Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou os Países Baixos. O prazo de solicitudes das bolsas estará aberto do 11 de marzo ao 11 de abril.