A Deputación abre o prazo de candidaturas aos Premios do Deporte da Coruña
Xa está aberto o prazo para presentar candidaturas á terceira edición dos Premios do Deporte Deputación da Coruña. Estes galardóns buscan recoñecer a persoas e entidades da provincia que destaquen pola súa traxectoria deportiva, os seus logros ou o seu compromiso co fomento da práctica deportiva.
Ata o 30 de xaneiro, calquera persoa física ou xurídica interesada na práctica ou promoción do deporte poderá tramitar a súa proposta a través da plataforma SUBTEL da Deputación. Ademais, os membros do xurado poderán presentar candidaturas adicionais para a súa valoración.
A edición deste ano conta con quince categorías: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino e feminino en categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional (masculino e feminino), Mellor adestrador/a, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora, Mellor evento deportivo, Mellor entidade na promoción do deporte de base, Mellor entidade na promoción do deporte inclusivo e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.
Os galardoados recibirán un recoñecemento conmemorativo, un diploma acreditativo e o impulso social da Deputación, que difundirá o resultado a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais. Ademais, o xurado poderá outorgar recoñecementos extraordinarios a persoas ou entidades cunha contribución destacada ao deporte na provincia.
O xurado estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e contará con cinco xornalistas deportivos ou persoas de prestixio no ámbito deportivo.
Unha vez finalizadas as deliberacións, celebrarase a tradicional Gala do Deporte, onde se entregarán os premios ás persoas e entidades galardoadas, nun evento que reunirá aos principais protagonistas do deporte provincial.