A Deputación abre a solicitude das bolsas para proxectos de investigación e estudos artísticos
A Deputación da Coruña publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia (BOP) os extractos das resolucións polas que se aproban as convocatorias das súas bolsas para apoiar á mocidade coruñesa na realización de proxectos de investigación en distintos campos de coñecemento e perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2024.
Ambas bolsas suman un orzamento de 480.000 euros para un total de 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.
O BOP publicou o pasado 12 de marzo as bases das bolsas de investigación, un total de 20 para o curso 2024. As bolsas pretenden “ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que poderán optar ás mesmas persoas con titulación universitaria con menos de 36 anos de idade e residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán realizar un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses. Convócanse 5 bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, 4 de ciencias da saúde, 5 de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, 4 de ciencias e 2 de enxeñería e arquitectura.
No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, as bases da convocatoria publicáronse no BOP o pasado 8 de marzo. A Deputación dedica este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.
A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante nalgunha destas áreas: audiovisual (4 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (14) e teatro e interpretación escénica (3 bolsas).
Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas da provincia da Coruña completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron mellorar a formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia ou en centros especializados en artes de Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou Países Baixos.