A Deputación aborda con expertos e confrarías os retos do futuro do sector pesqueiro
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Mar e Medio Rural, organiza unha xornada de diálogo para fomentar a sustentabilidade no sector pesqueiro. A deputada Cristina Capelán Cancelo sinalou que este encontro, titulado "Rumbo sostible: Conversacións sobre o futuro que queremos para o sector pesqueiro", busca “xuntar a expertos e representantes do sector para debater sobre os desafíos e definir as estratexias necesarias para asegurar a sustentabilidade da pesca artesanal e dos recursos mariños.”
O evento, que terá lugar o próximo 30 de novembro na sede da Deputación, contará coa participación de especialistas do sector pesqueiro, académicos, e xestores de recursos mariños, ademais dos representantes das confrarías de pescadores da provincia. Durante a xornada, analizaranse os principais retos do litoral galego e o seu impacto no sector pesqueiro, contando coa intervención do equipo investigador do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, que abordará o impacto do cambio climático sobre a frota artesanal. A continuación, especialistas do Centro de Investigacións Mariñas e do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo analizarán a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e marisqueiros.
Despois dunha pausa para o café, as confrarías de Noia, Barallobre e Aguiño compartirán as súas estratexias de comercialización, orientadas á revalorización dos produtos pesqueiros. Tamén participarán representantes da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, quen exporán ferramentas de xestión sostible. Pechará a sesión unha intervención sobre diversificación, con representantes da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, o Grupo de Investigación Biocost da Universidade da Coruña e a Confraría de Cangas.
O evento culminará coa presentación de casos de éxito e boas prácticas en sustentabilidade, co obxectivo de definir unha folla de ruta para garantir a sostibilidade e a competitividade do sector. A Deputación da Coruña reitera o seu compromiso cun futuro pesqueiro sostible, convencida de que o diálogo entre institucións, a comunidade científica e o sector é esencial para protexer os recursos mariños e fortalecer a economía local.