A demolición do viaduto da AC-012 pon en marcha os preparativos para avanzar nos accesos ao novo CHUAC

ACoruñaXa
A Xunta iniciou na Coruña as labores previas coa retirada da mediana na avenida da Pasaxe, a poda e talla de arborado na estrada das Xubias e a preparación da maquinaria, mentres se aproxima o corte de tráfico previsto para os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril
A CORUÑA scalextric chuac
24 Mar 2026

A Xunta comezou os traballos previos á demolición do viaduto sobre a AC-012, unha actuación integrada no plan de accesos ao novo CHUAC e chamada a transformar un dos puntos clave da mobilidade na contorna hospitalaria da Coruña.

Na primeira xornada da intervención puxéronse en marcha as tarefas de eliminación da mediana na avenida da Pasaxe, ao tempo que se executaron labores de talla e poda de arborado na estrada das Xubias. Ademais, iniciouse a habilitación das plataformas e a disposición da maquinaria que se empregará na demolición da infraestrutura.

As actuacións desta fase inicial prolongaranse durante toda a semana coa colocación de sinalización, o acopio de materiais e a retirada dalgún elemento do viario, como unha marquesiña. Estes preparativos resultan necesarios antes do derrubamento do viaduto, programado para Semana Santa, un período no que a Administración autonómica estima unha baixada da circulación de entre o 20 e o 25%.

A intervención terá unha incidencia directa no tráfico. As obras obrigan xa á regulación da circulación de forma alternativa mediante semáforos na estrada das Xubias. Ademais, durante o corte previsto os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, o acceso ao núcleo das Xubias deberá facerse desde o Hospital Materno Infantil.

Segundo a información facilitada pola Xunta, o peche manterase arredor dun mes, o tempo preciso para executar a demolición da parte do viaduto situada na contorna do Pazo de Guyatt. Unha vez rematada esa fase, as afeccións ao tráfico serán máis puntuais mentres avance a construción do novo viaduto.

A Xunta e o Concello da Coruña coordinaron esta actuación co obxectivo de reducir ao máximo as molestias, tanto para os vehículos particulares como para o transporte público, nunha zona especialmente sensible pola súa proximidade ao complexo hospitalario.

0.12906503677368