A danza tradicional irlandesa chega á Coruña da man da Compañía Nacional de Danza de Irlanda

O Teatro Colón da Coruña acollerá os días 6 e 7 de novembro unha das citas culturais máis destacadas do outono: a actuación da Compañía Nacional de Danza de Irlanda co seu aclamado espectáculo Rhythm of the Dance. As entradas sairán á venda este martes, 22 de abril, e espérase unha gran acollida por parte do público.
Trátase dun espectáculo que leva máis de dúas décadas fascinando a audiencias de todo o mundo, cunha combinación de música en directo, voces e coreografías de altísimo nivel. Con máis de 7 millóns de espectadores en máis de 50 países, Rhythm of the Dance celebrou o seu 25 aniversario en 2024 e continúa a ser un dos tres grandes espectáculos irlandeses a nivel internacional.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta proposta para a programación cultural da cidade: “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por actuacións e espectáculos singulares e exclusivos nos nosos espazos culturais, amosando o folclore de países como Irlanda coa súa compañía de referencia”.
A posta en escena ofrece unha viaxe máxica pola historia de Irlanda, desde as súas orixes lendarias ata a contemporaneidade urbana e chea de talento. Cunha enerxía desbordante e un dominio técnico espectacular, os artistas transportarán ao público por dous mil anos de tradición e modernidade en tan só dúas horas.
A nova produción mantén a esencia do estilo Sean Nos —a danza antiga irlandesa— pero actualizada cunha estética contemporánea e impactante. O resultado é unha experiencia inmersiva e trepidante que promete converterse nun dos eventos imprescindibles da tempada cultural coruñesa.