“A custodia do territorio e dar a coñecer espazos de gran interese ecolóxico e científico é fundamental”

Jessica Fernández
Como valoran a evolución da Asociación desde os seus inicios e ata o día de hoxe?
En 2008, entidades e persoas de Galicia viron a necesidade de crear unha asociación que fomentase a conservación da natureza, utilizando a ferramenta da custodia do territorio. Así, a evolución da entidade está a ser ascendente, pois comezamos explorando múltiples posibilidades, como decidir que proxectos levar a cabo ou en cales colaborar. Os primeiros anos resultaron complexos, xa que tivemos que ir atopando o noso lugar, mais este tempo permitiunos aproveitar o traballo previo, consolidar esas bases e desenvolver hoxe proxectos de moito maior calado e impacto. A partir do ano 2020, a asociación deu un salto importante no número e alcance das accións que realizaba, tanto na Casa das Insuas como noutras zonas de Galicia. Actualmente, a asociación conta con arredor de cen socios procedentes da provincia de Lugo, da Coruña e doutras partes de Galicia e d España.
Cales son os proxectos nos que están inmersos?
O noso labor principal baséase na custodia do territorio, actuando desde distintos ámbitos e en colaboración con numerosas entidades. Desenvolvemos acordos de custodia que constitúen o alicerce fundamental da nosa actividade. A partir de aí, realizamos tamén accións de asesoramento, educación ambiental e outras iniciativas, pero a protección e xestión responsable do territorio seguen a ser o eixo esencial da asociación. As áreas onde centramos unha maior parte do noso traballo son a Terra Chá, a Montaña Lucense, a zona do Courel e a Serra do Careón, na provincia da Coruña.
Fálenos das actividades desenvolvidas na comarca de Lugo.
Nos Ancares levamos a cabo un proxecto nun monte de varas, o de Piornedo, onde colaboramos cos propietarios para administrar máis de 800 hectáreas nun dos espazos naturais máis impresionantes da provincia. Neste monte prestamos apoio e asesoramento para que poidan xestionar directamente o seu territorio mediante iniciativas propias; e, por outra, impulsamos nós mesmos proxectos de conservación enfocados na recuperación de campas, humidais, e outros hábitats que foron desaparecendo nos últimos anos. Ademais, realizamos numerosas actividades de divulgación. Cada ano organizamos un bioblitz, unha fin de semana dedicada a reunir amantes da biodiversidade para identificar as distintas especies que habitan nun determinado lugar. O obxectivo central é promover a conservación e a mellora ambiental deste monte e de todo o ecosistema asociado.
Tamén traballan no Courel.
Si, alí xestionamos tamén un monte de varas do que somos copropietarios, pois adquirimos varias parcelas hai uns anos no monte de Paderne. Implicámonos na súa administración, participando na toma de decisións e na planificación dos labores forestais. Ademais, traballamos na delimitación, divulgación e a xestión das microreservas de orquídeas do Courel. A finalidade destas áreas protexidas é mellorar o hábitat das orquídeas e doutras especies asociadas a solos calcarios. O abandono da actividade gandeira provocou un avance da matogueira que ameaza estas especies, polo que a súa xestión e control favorecen o desenvolvemento adecuado das orquídeas e doutros tipos de flora de interese.
Nesa zona tamén traballamos no Monte de Toca en Samos cunha actividade a tres bandas entre nós, Cruz Vermella, e a comunidade de montes. Esta colaboración xa vén de lonxe, cando promovemos unha plantación para mellorar a calidade ambiental do monte. Agora, con este acordo, estamos tendo unha serie de actividades para difundir os valores ambientais do monte veciñal, e que van durar bastantes meses. Estamos intentando planificar naquelas épocas de mellores condicións meteorolóxicas porque alí neva, entón no outono fixemos unha saída micolóxica e na primavera volveremos facer actividades para coñecer a fauna e o monte, xa que é un lugar moi interesante e bonito.
E na Terra Chá?
Na Terra Chá colaboramos coa Deputación de Lugo na xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, un espazo de máis de 110 hectáreas de alto valor ecolóxico, que inclúe humidais, bosque de ribeira e zonas de inundación. Estes bosques de asolagamento son moi escasos en toda a Península Ibérica e cómpre preservalos con especial coidado. Alí traballamos tanto no eido da investigación, estudando a fauna e a flora para avaliar o seu estado de conservación, como no da divulgación, achegando o coñecemento dos seus valores naturais a escolares, universitarios, investigadores e público xeral.
Pero non só traballan na provincia de Lugo.
Exacto. A terceira gran zona de actuación é a Serra do Careón, na provincia da Coruña, un espazo singular polas súas formacións xeolóxicas únicas que conteñen altos niveis naturais de metais pesados. Esta particularidade deu lugar ao desenvolvemento de especies vexetais adaptadas a estas condicións, convertendo o Careón nun dos dez enclaves botánicos máis importantes da España peninsular. Trátase dun lugar espectacular e pouco coñecido. Neste ámbito estamos a adquirir ou arrendar parcelas —a través do Banco de Terras— co propósito de garantir unha xestión axeitada dos hábitats e favorecer a conservación destas especies únicas, ao tempo que difundimos os extraordinarios valores naturais deste espazo.

Todos os esforzos postos na conservación, non?
Si, iso é o fundamental. Despois, para facer esa conservación, hai dar a coñecer os valores ambientais tanto a poboación local, é dicir, os veciños das áreas que custodiamos, como investigadores e especialistas que traballan con determinadas especies de flora ou fauna, deben ter a oportunidade de coñecer estes espazos, xa que representan enclaves de gran interese ecolóxico e científico. E tamén intentamos xerar unha economía para esa zona. Varias empresas organizan visitas a estes espazos, sendo un importante foco de interese ecoturístico. Consideramos esencial que exista unha economía activa no ámbito rural para garantir que este siga vivo e se poida xestionar dun xeito sostible e axeitado.
Para ese traballo, fai falta axuda. Cales son as necesidades?
O financiamento é a nosa pedra angular para desenvolver proxectos ou contratar empresas que se encarguen da xestión dun determinado espazo. Contamos con apoio das deputacións de Lugo e da Coruña, así como do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Fundación Biodiversidad. Porén, da Xunta de Galicia obtemos moi pouca axuda, a pesar de ser a administración competente en materia de conservación da natureza e de que as entidades de custodia poderiamos contribuír significativamente á consecución dos seus obxectivos. Doutra banda, tamén precisamos unha maior implicación do sector privado. Existe unha escasa base social nas asociacións deste tipo: mesmo as organizacións máis grandes do Estado contan cun número de socios moi reducido se o comparamos coas cifras doutros países europeos como o Reino Unido, Alemaña ou os Países Baixos. Ademais, practicamente non existen mecenas que acheguen financiamento, o que dificulta avanzar con maior estabilidade e independencia.
Cal é o camiño de futuro?
O noso proxecto non é só un plan de entidade, aínda que tamén o sexa, senón sobre todo un proxecto vital para as persoas que formamos parte del. Cremos firmemente na custodia do territorio e na conservación da natureza, e mentres teñamos forzas, seguiremos traballando con esa mesma ilusión e compromiso. A nosa intención é continuar medrando nas zonas onde actuamos e con obxectivos definidos. Queremos seguir colaborando coa xente coa que traballamos día a día, especialmente cos veciños, que son unha parte esencial do noso labor. Ademais, consideramos que o noso traballo é relevante para Rábade, pois dinamizamos a Casa das Ínsuas con actividades abertas a toda a veciñanza, converténdoa nun dos principais focos de divulgación ambiental da asociación. Ademais, os proxectos de conservación que desenvolvemos por toda a provincia, tanto na Chaira como nas áreas de montaña de Lugo, teñen unha grande importancia, xa que se levan moito tempo e implican unha cooperación constante cos habitantes das zonas nas que actuamos.