A cultura e a reivindicación arroupan en Sada a celebración dun multitudinario 8M

A Casa da Cultura de Sada converteuse este sábado no epicentro da conmemoración do Día Internacional da Muller, nun acto que conseguiu encher o auditorio e reunir a numerosas veciñas e veciños arredor da cultura, da reflexión e da defensa da igualdade.
A cita, organizada polo Concello, arrancou coa lectura da declaración institucional por parte da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Patricia Martínez. Durante a súa intervención, reafirmouse o compromiso municipal coa protección dos dereitos das mulleres e coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
O encontro tivo tamén un marcado compoñente artístico, cun programa no que a música, a danza e a expresión cultural ocuparon un lugar destacado. Sobre o escenario participaron Sadanza, a Escola de Danza Carmen López e a A.C.D. A Meda, que contribuíron a converter a xornada nunha celebración colectiva do 8M.
Desde o Concello agradeceron a implicación das entidades participantes e a resposta da cidadanía, que volveu demostrar coa súa asistencia o compromiso de Sada coa igualdade e co feminismo. O ambiente vivido na Casa da Cultura deixou patente, unha vez máis, a vontade do municipio de seguir avanzando na defensa dos dereitos das mulleres.