A crianza consciente abre espazo en A Senra coa charla 'Educa Bonito'

A educación en familia e na aula centrará unha nova cita aberta á comunidade educativa de Bergondo coa celebración da charla 'Educa Bonito', un encontro pensado para nais, pais e docentes que busca poñer o foco en como afrontar os retos do día a día como oportunidades de crecemento. A sesión desenvolverase este xoves 26 de marzo, ás 18.30 horas, na aula de lectura do edificio sociocultural A Senra.
A proposta xirará arredor dunha idea central: educar desde os límites sen castigos e desde o respecto e o agarimo sen caer na permisividade. Ese é o eixo dun encontro que pretende ofrecer ferramentas prácticas para acompañar a infancia e a adolescencia desde unha mirada máis consciente, tanto en infantil como en primaria e secundaria.
A actividade está impulsada pola AFA 'As Escoliñas' do CRA de Bergondo e pola APA 'As Mariñas' do CPI Cruz do Sar, en colaboración co Concello. A organización habilitará ademais servizo de conciliación para facilitar a asistencia das familias, un detalle co que busca abrir a convocatoria a máis fogares e reforzar o carácter comunitario da iniciativa.
A relatora será María Soto, impulsora do proxecto 'Educa Bonito', unha plataforma centrada en talleres, asesorías e recursos para acompañar a crianza e a convivencia desde enfoques afastados dos berros, os castigos ou as ameazas. A cita chega así como unha oportunidade para trasladar ese discurso ao ámbito local e abrir un espazo de reflexión compartida sobre educación e vínculos.