A creatividade escolar súmase en Aranga ao 'Mes da Natureza' cun concurso sobre o pobo

A celebración do Día da Árbore servirá este ano en Aranga para poñer en valor a mirada máis creativa da infancia. O Concello impulsa xunto ao CEIP A Castellana o concurso 'Mes da Natureza', unha iniciativa dirixida a todo o alumnado do centro e centrada no tema 'O que máis me gusta do meu pobo'.
A proposta convida aos escolares a plasmar, a través de distintas disciplinas artísticas, a súa visión sobre Aranga. Os participantes poderán presentar obras inspiradas en lugares, paisaxes, festas, tradicións, veciñanza ou calquera outro elemento do municipio que consideren especial. O certame estrutúrase en tres categorías: unha primeira para Educación Infantil e 1.º e 2.º de Primaria, outra para 3.º e 4.º de Primaria e unha terceira para 5.º e 6.º de Primaria.
As creacións poderán adoptar diferentes formatos segundo a idade do alumnado. Así, admítense debuxos ou pinturas en tamaño A4 ou A3, collages, traballos en técnica mixta, poesías breves de ata 12 versos e relatos curtos cun máximo de 150 palabras. No caso das categorías superiores, tamén se abre a porta á presentación de fotografías ou esculturas.
O prazo de entrega permanecerá aberto ata o 23 de abril de 2026. Os traballos poderán remitirse ao correo electrónico apuntatearanga@gmail.com
ou depositarse na conserxería do CEIP A Castellana. En todos os casos deberán incluír nome e apelidos, curso e título da obra.
A valoración realizarase durante a celebración do Día da Árbore no propio centro educativo e correrá a cargo do alumnado, que será quen escolla as obras destacadas. O concurso prevé a posibilidade de conceder premios en cada unha das categorías, nunha actividade coa que Aranga busca fomentar a participación escolar, o coñecemento da contorna e o vínculo da rapazada co seu pobo.