A Costa Ártabra volverá correr con fins solidarios o 19 de abril entre Oleiros e A Coruña

ACoruñaXa
A cuarta edición da proba, organizada por CASCO, ofrecerá un percorrido de 10 quilómetros con saída en Oleiros, chegada ao Parrote e servizos gratuítos de bus e gardería
OLEIROS carreira costa ártabra
6 Mar 2026

A IV Carreira Costa Ártabra xa ten data no calendario. A cita disputarase o 19 de abril de 2026, a partir das 9.30 horas, cun trazado de arredor de 10 quilómetros entre Oleiros e A Coruña. A proba estará organizada por CASCO e figura ademais no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que volverá situar a comarca no foco do atletismo popular e solidario.

Segundo recolle o regulamento, a saída estará situada na rúa Carlos M. de Cépedes, en Oleiros, mentres que a meta quedará instalada no paseo peonil do Parrote, na cidade herculina. Poderán participar as persoas nacidas en 2010 e anos anteriores, cun límite de 90 minutos para completar o percorrido. A organización presenta ademais a cita como unha carreira '100% solidaria', xa que o beneficio íntegro se investirá nos programas de calidade de vida e deporte inclusivo que desenvolve CASCO.

As inscricións realizaranse a través da plataforma Carreiras Galegas e permanecerán abertas ata o 15 de abril ás 23.59 horas ou ata esgotar os 2.000 dorsais dispoñibles. O prezo será de 17 euros ata o 8 de abril e de 20 euros desde o día 9 ata o peche do prazo, con bonificacións do 50 por cento para familias numerosas e persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

A organización completará a oferta con autobuses gratuítos desde Entrexardíns ata a saída, servizo de gardería sen custo, camiseta conmemorativa para as persoas inscritas e avituallamento líquido no quilómetro 5 e na meta. Deste xeito, a Costa Ártabra busca consolidarse un ano máis como unha proba deportiva con compoñente social e facilidades para fomentar a participación.

0.11677694320679