A coruñesa sala Mardi Gras presenta o seu “July Festival” con 16 noites de música en directo

ACoruñaXa
Ao longo do mes, recibirá propostas moi variadas, incluíndo artistas galegos, madrileños e asturianos
FESTIVAL-MARDI-GRAS
30 Jun 2025

A Sala Mardi Gras da Coruña prepárase para un verán cargado de música ao vivo coa celebración do July Festival, unha proposta que ofrecerá 16 noites de concertos ao longo do mes de xullo. O ciclo arranca cunha primeira semana frenética, con cinco eventos consecutivos entre o martes día 1 e o domingo 6, nos que haberá desde rock xaponés ata rhythm & blues pasando polo punk e o jazz.

A festa dará comezo o martes 1 ás 21.30 horas co potente garage rock dos xaponeses Guitar Wolf, nunha actuación que promete alta intensidade. O xoves 3 terá lugar o concerto de fin de curso de A Batecueva, academia coruñesa de batería, cun cartel que inclúe artistas convidadas como “Ángeles Dorrio á voz, Carmen Rey ao teclado, Alber Grela á guitarra e Antón Torroncho ao baixo”.

O venres 4 será unha data especial: coincidirá co 5º Aniversario da Constitución Oficial da República Musical Mardi Gras, e servirá para pechar a tempada da banda residente EXIT. Esa mesma noite, os coruñeses Less Fortunate Songs presentarán novo disco acompañados dos vascos JMA, nunha cita imprescindible para os amantes do punk e do punk rock.

O domingo 6 porase o broche á primeira semana co directo de Quique Gómez & His Vipers, quinteto madrileño de rhythm & blues, dentro do ciclo + Que Jazz promovido por Garufa Club.

Ao longo do mes, a Mardi Gras continuará recibindo propostas moi variadas, incluíndo artistas galegos, madrileños e asturianos, así como tres citas destacadas con bandas internacionais procedentes dos Estados Unidos. O mércores 16 será a quenda de Authority Zero. O día 30 actuará “a coñecida como a nova Blondie, Kate Clover, desde California”, nun concerto moi agardado polos fans da New Wave, o Power Pop e os sons sixties. Será a súa única actuación en Galicia.

O mes rematará o xoves 31 co directo de The Darts, cuarteto feminino afincado en Seattle, coñecido pola súa posta en escena explosiva de garage rock and roll. Estes dous últimos concertos contarán cun abono conxunto de unidades limitadas para quen queira gozar da dobre cita.

Outras datas destacadas do July Festival inclúen o sábado 12 coa actuación de Carla de Figueredo, perfecta para amantes da música negra, ou o tributo á Velvet Underground do grupo As Veludas Soterradas, previsto para o sábado 26.

 

⚙ Configurar cookies
0.16281795501709