A Coruña volverá ser parada das Feiras do Libro no verán cunha cita de dez días

ACoruñaXa
A cidade herculina acollerá do 1 ao 10 de agosto a feira do circuíto de 2026
A CORUÑA feira libro 2023
13 Mar 2026

A Coruña será este ano o único dos concellos das Mariñas no calendario das Feiras do Libro de Galicia 2026, un circuíto impulsado pola Xunta e pola Federación de Librarías de Galicia que percorrerá 13 municipios entre o 23 de abril e o 29 de agosto e sumará máis de 80 días de actividade cultural.

No caso coruñés, a cita celebrarase do 1 ao 10 de agosto, converténdose nunha das paradas máis longas desta edición. O programa chegará baixo o lema 'A porta a universos infinitos', co que a organización quere reivindicar a lectura como ferramenta de evasión, pero tamén de coñecemento e pensamento crítico.

A presentación da axenda tivo lugar en Santiago de Compostela, nun acto no que o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor o bo momento do sector do libro en Galicia e destacou a evolución dos hábitos lectores na comunidade. Segundo a Xunta, o 65,9 por cento da poboación galega le libros no seu tempo libre por ocio, un dato que sitúa Galicia entre os territorios nos que máis medrou este índice nos últimos cinco anos.

Ademais da presenza das librarías, a edición deste ano apostará por ampliar formatos e públicos, con propostas como roteiros literarios, recitais, intervencións artísticas e actividades pensadas para mellorar a accesibilidade. A intención é reforzar a participación directa entre creadores e lectores e facer das feiras un espazo máis aberto e dinámico.

Para a cidade da Coruña, a inclusión no calendario supón manter unha das citas culturais habituais do verán, cun escaparate para o sector libreiro e editorial e cunha programación chamada a atraer tanto ao público lector habitual como a novos visitantes.

0.11719512939453