A Coruña vivirá unha fin de semana deportiva con piragüismo, running, motor clásico, halterofilia, xadrez e vela

ACoruñaXa
A cidade espera milleiros de visitantes cun programa en moitos puntos da cidade
A CORUÑA fin de semana deportivo
18 Oct 2025

A Coruña converterase esta fin de semana nun gran escenario deportivo con propostas para todos os públicos e en múltiples localizacións do municipio. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou que a programación ‘combina deporte de base, citas de ámbito estatal e probas con vocación social’, unha mestura que reforza os valores que o Concello quere impulsar.

O sábado arrincará no mar coa Ocean Race Cidade da Coruña de piragüismo, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, que terá unha primeira saída ás 11.00 horas desde a praia de Riazor e unha segunda ás 13.00 desde a praia de Oza. Pola tarde, a explanada do Parrote converterase nunha festa da inclusión coa Carreira ENKI, unha cita non competitiva e aberta a todas as idades que comezará ás 16.00 horas con obstáculos adaptados e xogos participativos, e que xa suma máis de 15.000 persoas inscritas.

O pulso do motor clásico porao a Concentración Nacional Mercedes W123, que exhibirá vehículos chegados de distintos puntos do Estado na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor entre as 14.00 e as 19.00 horas. En paralelo, a forza medirase no Polideportivo Os Rosais, sede da cuarta xornada da Liga Galega de Clubs de Halterofilia, con tandas continuadas ás 09.00, 11.00, 13.00, 15.00, 17.00 e 19.00 horas.

Tamén o sábado, a Cidade das TIC acollerá desde as 11.00 horas o IV Torneo Escolar ERLAC de xadrez, valedoiro para o XVIII Circuíto Galego de Promoción, con categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12 e Sub 14 baixo sistema suízo a sete roldas e ritmo de xogo de dez minutos máis cinco segundos por movemento.

A vela feminina tomará o relevo o sábado e o domingo con regatas curtas da clase J80 no campo de regatas próximo ao porto deportivo, con tripulacións procedentes de diversos clubs náuticos do Estado. Cun cartel que mestura competición, espectáculo e participación familiar, A Coruña reafirma a súa condición de cidade aberta ao deporte e á convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.070074081420898