A Coruña ultima o acendido do Nadal con case 3 millóns de luces led e 560 arcos nos barrios

A Coruña xa entrou en modo Nadal. O Concello ten en marcha os últimos traballos para completar a instalación do alumeado festivo, que se acenderá oficialmente o vindeiro venres 28 de novembro nun acto na praza de María Pita no que o exfutbolista deportivista Bebeto será o encargado de poñer en marcha as luces.
Segundo explicou a alcaldesa, Inés Rey, este ano a cidade contará con 2,8 millóns de luces led, cun investimento anual de 770.000 euros. O obxectivo principal, subliñou, é que o alumeado chegue aos dez distritos “da forma máis equitativa posible”, atendendo ás demandas recollidas nos encontros cos veciños e veciñas nos centros cívicos.
Entre os elementos máis chamativos repetirán a gran esfera luminosa da dársena da Marina e a árbore xigante de luces, que nesta ocasión se trasladará ao Parrote pola reurbanización en marcha na zona dos Cantóns. O Concello xa iniciou a montaxe deste abeto luminoso a comezos de mes.
O Nadal coruñés manterá tamén os clásicos teitos de luz na rúa Real e na praza de Azcárraga, e sumarase unha nova posta en escena nunha das principais portas de entrada á cidade, Alfonso Molina. No barco Atalaya, símbolo de benvida para quen chega pola avenida, colocaranse motivos luminosos cos tres Reis Magos, mentres que noutros accesos se instalarán arcos con referencias á Torre de Hércules e a outros elementos identificativos da Coruña.
A fonte de Catro Camiños volverá ter un papel especial, cunha iluminación en forma de paraugas con luces brancas e azuis, en lembranza das históricas celebracións dos éxitos do Real Club Deportivo neste punto neurálxico da cidade.
En total, o Concello prevé instalar preto de 560 arcos luminosos repartidos polas rúas, sobre todo nos eixes comerciais e máis transitados de cada barrio, ademais de centos de motivos decorativos nos báculos do alumeado público. Os teitos de luz chegarán a 43 espazos, entre eles o Campo da Leña, a praza de San Vicente (Os Mallos), Azcárraga ou a rúa Real.
Tamén se colocarán tendidos de luz en forma de paraugas en lugares como a praza Elíptica (Os Rosales), Juana de Vega, praza de Vigo, glorieta de América, Tolerancia ou a rolda de Nelle. E, a modo de longas guirnaldas luminosas, haberá novos percorridos en rúas como Capitán Troncoso ou Santo Domingo.
“Sabemos que é imposible chegar a cada rúa, pero si podemos garantir que todos os barrios teñan presenza de luz e ambiente nestas datas, tanto para dinamizar o comercio como para encher de vida e alegría a cidade”, concluíu Rey.