A Coruña supera os 250.000 habitantes por primeira vez en máis de dúas décadas

ACoruñaXa
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), a proposta oficial de poboación sitúa a cidade en 251.481 habitantes
escolas-veran-coruña
28 Mar 2025

A cidade da Coruña acada un novo récord demográfico ao superar os 250.000 habitantes, cifra que non se alcanzaba desde os anos 90. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), a proposta oficial de poboación para o 1 de xaneiro de 2025 sitúa a cidade en 251.481 habitantes, o que supón un incremento de 2.220 persoas respecto ao ano anterior.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou este feito como "un fito que reflicte a vitalidade e capacidade de atracción dunha cidade que medra en oportunidades, crea emprego, retén talento e segue ampliando o seu parque residencial". A Coruña, tras varios anos de estancamento, comezou a experimentar un crecemento sostido dende 2019, consolidando unha tendencia positiva na súa poboación.

Este crecemento demográfico trae consigo importantes beneficios para a cidade, como un aumento na asignación dos fondos de participación nos ingresos do Estado (PIE), que se distribúen en función do número de habitantes. Ademais, a cidade gaña forza como motor económico de Galicia, con impacto directo no emprego, a actividade empresarial e os servizos.

A consolidación deste crecemento tamén reforza a súa capacidade para liderar proxectos metropolitanos e acceder a fondos europeos, mellorando a súa posición no mapa institucional. Inés Rey subliñou que "o noso compromiso é que este crecemento sexa sostible e inclusivo", asegurando que se está construíndo unha cidade "atractiva, moderna e cohesionada, que ofrece oportunidades e calidade de vida".

A alcaldesa tamén destacou que, dende que chegou á Alcaldía en 2019, a cidade experimentou un crecemento sostido que permitiu superar os 250.000 habitantes. Este avance está baseado nun modelo urbano que fomenta a mobilidade sostible, a rexeneración de barrios e o fomento da economía do coñecemento, así como o impulso da construción de vivenda, incluíndo a vivenda pública.

"O reto dos 250.000 xa está superado. Agora toca consolidar ese crecemento executando o Orzamento do 2025, que permitirá mellorar servizos e infraestruturas públicas", concluíu Inés Rey.

⚙ Configurar cookies
0.64136910438538