A Coruña súmase á Hora do Planeta co apagado de varios edificios municipais
O Concello da Coruña súmase este sábado á conmemoración da Hora do Planeta, unha iniciativa global da organización World Wide Fund for Nature (WWF) que busca sensibilizar a poboación mundial sobre os efectos do cambio climático e a importancia da conservación do medio ambiente.
Coa súa participación, o Goberno de Inés Rey aposta por programas de sensibilización e educación ambiental para concienciar os coruñeses e coruñesas sobre as consecuencias do cambio climático e fomentar a adopción de prácticas máis sostibles e responsables no día a día. 'A hora do planeta' busca promover a colaboración e o compromiso de empresas, organizacións e gobernos e contribuír á creación dun futuro máis sostible e equitativo para todos os habitantes do planeta.
A HOra do Planeta será este sábado, 23 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas. Durante esa hora apagaranse as luces do palacio municipal de María Pita e a iluminación da propia praza. Ademais, tamén se apagarán outras infraestruturas municipais, como o Millenium, a fonte de Catro Camiños e a muralla da cidade, xunto ao hospital Abente y Lago.
Na praza de María Pita, a partir das 18.30 horas, comezará un acto organizado polo Concello e a elaboración dunha figura cun '60+', símbolo da hora do planeta construída con máis de mil candeeiros que se prenderán a partir das 20.30 horas polas persoas que se acheguen ata a praza. Ademais, os máis pequenos e pequenas poderán participar en obradoiros de decoración de murais coa temática da protección e conservación do planeta.