A Coruña será un dos últimos lugares onde actuará a cantante Sabela
A gran xira de Sabela por terras galegas chega á sala Garufa Club da Coruña o vindeiro sábado, 8 de febreiro.
O espectáculo, que comezará ás 22.30 horas, será a última parada dun percorrido que arrancou o pasado 28 de setembro na Sala Ruído de Ferrol e que levou á artista por 9 escenarios diferentes de Galicia.
Baixo o nome de Hi, My Love Part, a cantante está a presentar o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar neste mesmo ano. En cada parada desta xira, Sabela conquistou ao público cunha proposta ambiciosa que combina o seu característico pop electrónico cunha evolución cara a un son máis internacional, sen deixar de lado as súas profundas raíces galegas.
Na súa actuación na Coruña, Sabela interpretará temas novos como Eu Espero Aquí, o segundo adianto do seu esperado EP, tras o lanzamento de Hi, My Love. Este novo sinxelo reflicte á perfección a transición musical da artista, ampliando horizontes pero mantendo a esencia que a define.
O concerto promete ser unha experiencia única para os seguidores da cantante e unha ocasión especial para despedir esta xira galega cun broche de ouro. As entradas xa están dispoñibles para todos os que desexen desfrutar dunha noite de música e emocións.