A Coruña será o escenario de dúas importantes competicións de ximnasia rítmica e artística

ACoruñaXa
Albergará a 3ª fase da Liga Ibérica de ximnasia artística feminina e a 1ª fase da Liga Provincial de ximnasia rítmica
Imaxe recurso ximnasia rutina
28 Mar 2025

A cidade da Coruña e os seus espazos deportivos municipais acollerán esta fin de semana dúas competicións de ximnasia artística e rítmica, congregando máis dun millar de persoas entre participantes e organizadores. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos amosando que a nosa cidade é todo un referente para acoller eventos deportivos de todos os niveis, pois contamos con instalacións de máximo nivel para calquera tipo de deporte", destacou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

O Palacio dos Deportes de Riazor será escenario da terceira fase da Liga Ibérica de ximnasia artística feminina, unha das competicións por equipos máis relevantes do panorama nacional. Esta Liga consta de tres xornadas puntuables e unha final. As fases previas disputáronse en Vila-real e Onda, sendo nesta última onde o club local Ximnasia Coruña acadou un meritorio terceiro posto na División B.

A competición divídese en catro categorías, nas que os equipos compiten por un posto na gran final, que se disputará os días 7 e 8 de xuño en Pozuelo, Madrid. Esta fin de semana, 480 ximnastas de Valencia, Cataluña, Madrid, Extremadura, Aragón e Galicia competirán en Riazor desde as 9.00 horas do sábado ata as 14.00 horas do domingo. O evento está organizado pola Liga Ibérica e o club Ximnasia Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña. A Coruña xa fora sede desta prestixiosa competición en xaneiro de 2019.

Primeira fase da Liga Provincial de ximnasia rítmica

O polideportivo municipal do Barrio das Flores será o escenario da primeira fase da Liga Provincial de ximnasia rítmica nos niveis escolar, promoción e prebase. A competición, que se celebra este sábado, contará coa participación de 672 ximnastas de diferentes clubs galegos.

As portas abriranse ás 09.30 para o público, e a competición comezará ás 10:00h. A xornada desenvolverase en diferentes quendas ao longo do día: pola mañá competirán as categorías escolar (iniciación, alevín, infantil e senior) e as individuais promoción (prebenxamín, benxamín e cadete); ás 12.10 horas será a quenda das escolares prebenxamín, benxamín e cadete, así como das individuais promoción infantil, xuvenil e máster-adultos; e pola tarde, desde as 15.45 ata as 19.30 horas, competirán as individuais promoción alevín e os conxuntos promoción (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil). A partir das 18.00 horas, entrarán en escena as individuais e conxuntos prebase (benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil).

Participarán clubs como Rítmica Coruña, Ximnasia Rítmica Abegondo, Colexio Internacional Obradoiro, Esquío, Compañía de María, Ximnasia Rítmica Compostela, Viravolta Santiago, CDR As Pontes, Club Squadra Boqueixón, Rítmica Ausarta, Acordes, Rítmica Carballo, Ximnasia Oleiros Rítmica e Estética, Acordes Pontedeume, Club Ausarta Bergondo, Club Rítmica Milenium, La Salle Santiago, Pangea, Ximnasia Rítmica Abegondo, Ximnasia Ames, Ximnasia Rítmica Carral e María Barbeito.

O evento está organizado pola Federación Galega de Ximnasia, o club María Barbeito e o club Rítmica Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña e forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Ximnasia.

 

⚙ Configurar cookies
0.41243696212769