A Coruña será o centro mundial do cinema de vangarda coa (S8) Mostra de Cinema Periférico
A nova edición da Mostra de Cinema Periférica da Coruña (S8) presentouse esta mañá no auditorio da Domus. O S8 traerá á cidade estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas do 31 de maio ao 9 de xuño. Van xa quince edicións do festival que o consolidan como unha cita única para o cinema de vangarda a nivel mundial. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable de Cultura, Gonzalo Castro, presentou a progamación xunto cos seus directores, Ana Domínguez e Ángel Rueda, A potencia creativa das cineastas mulleres será protagonista da programación do (S8) 2024 que, ademais, desvelou a súa nova imaxe gráfica.
O mago, a forza, os namorados e a roda da fortuna. Esas son as cartas do tarot nas que se basea o novo cartel do (S8) e que foi presentado na Domus da Coruña, unha das sedes do evento, xunto a Palexco, Filmoteca de Galicia e Fundación Luís Seoane. Unha combinación de cartas que debulla a filosofía do festival, tal como explica Ángel Rueda, e conectan ademais cun amante do ocultismo e a maxia ao que se quere homenaxear: o cineasta norteamericano Kenneth Anger. O autor do famoso libro Hollywood Babylon, publicado en 1965 e en cuxas páxinas desfilaba o máis escabroso da industria do show business, falecía xusto hai un ano, en maio de 2023. A inauguración de (S8) o 31 de maio réndelle homenaxe coa sesión “O cine de Thelema”, na que se proxectarán na Filmoteca de Galicia os seus filmes Lucifer Rising e Inauguration of the Pleasure Dome.
“O Goberno de Inés Rey aposta polo cinema de vangarda como parte da súa ampla e variada programación cultural e é unha honra que este (S8) siga sendo unha referencia con numerosas estreas mundiais e cineastas de prestixio convidades”, sinalou Gonzalo Castro durante a súa intervención.
Protagonismo feminino
As artistas mulleres copan a programación do festival, que ofrece máis de 140 obras ao público. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse como realidade innegable nunha programación que afonda na obra de referentes como Narcisa Hirsch, Margaret Honda, Annalisa D. Quagliata ou Franci Durán.
Dentro da programación do (S8) 2024, a vangarda galega máis nova estará representada na sección “Sinais” cos traballos de Iago Lourido, Yasmina Farhani Luaces, e Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo festival. Por outra banda, a obra da artista de Xinzo de Limia, residente en Barcelona, María Ruído protagonizará o programa monográfico en liña “Ultreia et suseia”, dedicado cada ano ás voces máis destacadas do cinema galego actual. A programación do (S8) contará con 18 pezas de autoría galega.
30 anos Film Farm
A Film Farm, proxecto canadense comandado por Phil Hoffman, que estará na Coruña, cumpre 30 anos e sempre foi inspirador para a Mostra da Coruña, tal como explicaron os seus directores. Nunha granxa na provincia de Ontario, cada ano congréganse un grupo de artistas para aprender e compartir técnicas de revelado e manipulación analóxica, para filmar, visionar e compartir cinema nunha contorna natural, xerando así unha experiencia transformadora. Algúns dos traballos alí creados poderanse ver na Coruña.
A cineasta Rhayne Vermette, con recoñecemento internacional tras o paso pola Berlinale e por Toronto co seu primeiro longo Ste. Anne, e a chilena afincada en Canadá, Franci Durán, cuxo traballo, relacionado coa Film Farm, enraizase na experimentación con soportes fotoquímicos, son outras das protagonistas do foco canadense do (S8). Ademais, o dinamismo e a mocidade da escena actual de cinema experimental canadense vén da man de the8fest, festival veterano dedicado a mostrar exclusivamente cinema feito en super 8,, hoxe dirixido pola cineasta exipcia-canadense Robin Riad, que traerá unha selección de pezas da historia do festival.
Desbordamentos
“Desbordamentos”, a sección do festival dedicada ao cinema expandido que terá lugar na Fundación Luís Seoane, acolle este ano a dous artistas que transitan ese camiño: Gaëlle Rouard e Lynn Loo. De Rouard, unha das fundadoras do mítico Atelier MTK en Grenoble. Poderemos ver, entre outras, a súa película Darkness, Darkness, Burning Bright que se estreou no Festival de Róterdan e gañou o Premio á Mellor Película Experimental do festival Curtas Vila do Conde. Lynn Loo, música e cineasta orixinaria de Singapur radicada en Londres, explora o cinema expandido con filme performances nos que emprega varios proxectores de 16 mm funcionando á vez.
En relación á dimensión formativa e impulsora de creación do (S8), o festival acolle tamén as obras resultantes de BAICC, residencia no LIFT de Toronto que este ano foi gozada por Agnès Hayden, e das Bolsas ese8_LAB, grazas á cal a artista peruana afincada en Madrid, Nicole Remy, viaxou ao Nanolab en Australia. O resultado de ambos programas poderase ver na sección “Desbordamentos” .
(S8) 2024 en cifras
- Pezas a proxectar: 142
- Estreas: Mundiais - 31 / Internacionais - 25 / Estatais – 53
- Nacionalidades dos filmes: 20 nacionalidades / Canadá - Arxentina - UU - Francia - México - Perú - Austria - Holanda - Reino Unido - España - Chile - Portugal - Colombia - Porto Rico - Brasil - Irán - Australia - Xapón - Alemaña - Romanía.
- Pezas de autoría galega: 18
- Número de cineastas convidadas/os: 60
- Estudantes acreditados/as: 21.
- Número de film performances: 6
- Sedes: Palexco, Domus, Fundación Luís Seoane e Filmoteca de
- Actividades paralelas: Formativas - 3 / Profesionais – 2
- Escolares participantes en actividades da Mostra: 440