A Coruña saca a concurso a reforma da cuberta do Teatro Rosalía e reforza os servizos sociais e educativos

ACoruñaXa
O Concello prevé investir 414.000 euros no teito do histórico coliseo e máis de 1,6 millóns de euros ata 2028 na xestión de centros de día, comedores sociais e programas de inmersión lingüística
A CORUÑA teatro colón
20 Nov 2025

A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou este mércores a saída a concurso das obras previstas na cuberta do Teatro Rosalía de Castro, co obxectivo de poñer fin ás filtracións e incidencias que se veñen rexistrando nos últimos anos no inmoble municipal.

O concelleiro José Manuel Lage Tuñas lembrou na súa comparecencia ante os medios que hai dez anos, no 2014, un forte temporal causou danos importantes no teito do teatro. Entón acometeuse unha intervención para reparalo, mais aquela actuación non utilizou os sistemas máis axeitados e realizáronse perforacións na cuberta de zinc, o que provocou que co paso do tempo se deteriorase e perdera estanquidade.

Segundo detallou Lage, os informes técnicos sinalan que a opción máis adecuada é executar unha nova cuberta de zinc por riba da existente e, ao mesmo tempo, mellorar os accesos ao teito para facilitar os traballos de revisión e mantemento futuros. O Concello reserva 414.000 euros para este proxecto, que se licita xa co propósito de axilizar prazos e ofrecer unha solución estable ás necesidades do Rosalía a medio e longo prazo.

Ademais, no eido dos servizos sociais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación do contrato de xestión do servizo comunitario municipal do Centro de Día Novoboandanza. O concurso contará cun orzamento superior aos 900.000 euros ata o ano 2028, co que se garante a continuidade da atención ás persoas usuarias deste recurso.

Tamén se aprobou a saída a concurso do servizo de comedor social tanto no Centro Cívico municipal de Novoboandanza como no de Monte Alto, cun investimento conxunto que se achega aos 400.000 euros, igualmente con vixencia ata o 2028. Estes contratos permitirán manter e reforzar o apoio alimentario ás persoas en situación de vulnerabilidade nos dous barrios.

No apartado educativo, o Goberno local autorizou a licitación do contrato para xestionar o programa de inmersión lingüística 'Idiomas do Mundo'. Trátase dunha iniciativa municipal coa que cada ano máis de 30 mozas e mozos coruñeses poden realizar unha estadía dun mes en Irlanda, convivindo cunha familia nativa, asistindo a clases e mellorando o seu nivel de inglés en contornos reais.

'Agora o que facemos é pór en marcha os trámites administrativos para escoller a empresa que se encargará da xestión do programa nos vindeiros dous anos', apuntou Lage, que salientou a aposta do executivo que preside Inés Rey pola formación no exterior. Ata o 2027, o Concello destinará preto de 300.000 euros a 'Idiomas do Mundo', cantidade que se suma á inversión noutros programas internacionais como as Bolsas Norteamérica, cuxo prazo de solicitudes de cara ao próximo curso se pechou onte.

⚙ Configurar cookies
0.071377038955688