A Coruña reparte en Novo Mesoiro os 1.800 litros de compost obtidos no primeiro composteiro comunitario da cidade

O Concello da Coruña celebrou hoxe un novo fito no impulso da compostaxe comunitaria coa entrega aos veciños e veciñas de Novo Mesoiro de 1.800 litros de abono orgánico producidos no composteiro do barrio. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou no reparto deste compost de alta calidade, resultado da recollida de residuos orgánicos realizada nos últimos meses.
O fertilizante poderá empregarse nas plantas e hortos particulares das persoas usuarias, así como nos hortos municipais e para mellorar os xardíns e zonas verdes da contorna. A cantidade obtida e as boas características do abono evidencian, segundo destacou o Concello, tanto a eficacia do proceso de compostaxe como a elevada implicación da veciñanza na separación correcta da materia orgánica.
Neira agradeceu expresamente a colaboración do barrio desde a posta en marcha do composteiro, en 2023, o primeiro dos que se instalou na cidade. A concelleira subliñou que levar os restos orgánicos ao composteiro comunitario 'pode parecer un xesto pequeno, pero supón un gran compromiso co medio ambiente, coa sustentabilidade e coa economía circular', e animou ás persoas que aínda non participan no proxecto a comezar a separar na casa a fracción orgánica, empregando os cubos facilitados polo Concello.
A responsable municipal lembrou que este tipo de iniciativas para reducir a xeración de residuos urbanos forman parte das medidas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para avanzar cara a unha Coruña máis sostible.
Ademais do equipamento de Novo Mesoiro, a cidade dispón doutros tres composteiros comunitarios, instalados ao longo deste ano nos barrios de Monte Alto, Eirís e O Castrillón. Porén, a transformación da materia orgánica require un tempo de maduración, polo que aínda haberá que agardar uns meses para realizar a primeira retirada de compost nestes puntos. As previsións municipais indican que será nas primeiras semanas do aninovo cando comezarán a obterse os primeiros resultados, co que quedará plenamente consolidada a actual rede de compostaxe comunitaria da Coruña.