A Coruña renovará o parque infantil de Elviña cun investimento de 45.000 euros

ACoruñaXa
O Concello renova o caucho da superficie e acondiciona as randeeiras nunha intervención que forma parte do plan integral de parques infantís
Parque infantil Elviña Coruña
16 Dec 2024

O Concello da Coruña iniciou os traballos de renovación do caucho da superficie de xogo no parque infantil da rúa Miguel Hernández, situado no barrio de Elviña. Esta actuación responde ao plan integral de mantemento dos parques infantís da cidade, co que se busca garantir a seguridade e o bo estado destas instalacións empregadas a diario polas familias.

Co paso do tempo, o firme de caucho que cobre estas áreas sofre un desgaste natural debido ao uso intensivo e ás condicións climáticas, polo que a súa substitución é unha medida esencial para manter a funcionalidade do espazo. Ademais, nesta intervención tamén se realizaron melloras en elementos de xogo, como o acondicionamento das randeeiras, reforzando a seguridade para as crianzas que frecuentan o parque.

O parque infantil da rúa Miguel Hernández é especialmente empregado polas familias do barrio e polo alumnado dos colexios próximos, como o CEIP María Pita e o Ramón de la Sagra. Por iso, o Goberno de Inés Rey destinou un investimento de 45.000 euros para esta intervención, que forma parte dun conxunto de actuacións realizadas nos últimos meses en diferentes puntos da cidade.

Entre as melloras levadas a cabo recentemente destacan as intervencións no parque próximo ao centro cívico de Monelos e no parque Carlos Casares, no sector norte do barrio de Monte Alto. Estas actuacións reflicten o compromiso do Concello coa adecuación e modernización das áreas infantís.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou que “o mantemento dos parques infantís é unha prioridade, especialmente atendendo ás demandas das familias e á necesidade de contar con espazos inclusivos”. Neste sentido, avanzou que o Concello continuará traballando para habilitar randeeiras adaptadas e accesibles, fomentando a inclusión de nenos e nenas con mobilidade reducida en cada intervención.

⚙ Configurar cookies
1.0313339233398