A Coruña renova o seu compromiso cun deporte e unha cultura inclusivos: convenios con 37 entidades por 350.000 euros

O Concello da Coruña vén de asinar, a través da Fundación Emalcsa, os convenios anuais cos que apoia proxectos que facilitan o acceso ao deporte e á cultura para toda a veciñanza, especialmente para quen precisa máis apoio. En total son 37 iniciativas impulsadas por entidades da cidade, cun investimento global de 350.000 euros.
O programa “Cultura Accesible e Inclusiva” conta este ano con 100.000 euros e dá respaldo a 13 propostas de música, teatro, danza, artes plásticas ou audiovisual con enfoque inclusivo. O obxectivo é que persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión poidan participar en actividades culturais en igualdade de condicións.
Pola súa banda, “Deporte Solidario e Inclusivo” dispón de 250.000 euros para 24 entidades deportivas. Grazas a este apoio, clubs e asociacións organizan actividades adaptadas e participativas —desde fútbol ou natación ata montaña, esgrima ou vela— para nenas e nenos e tamén para persoas adultas.
Estes programas desenvólvense en colaboración co tecido social e empresarial da cidade: Gadisa apoia a convocatoria de deporte, mentres que Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove colaboran na de cultura. A idea é sumar esforzos para que ninguén quede fóra por cuestións económicas ou polas súas necesidades específicas.