A Coruña renova máis de 20.000 m² de firme en Agrela e instalará novas rotondas

ACoruñaXa
Avanzan as obras de construción dunha nova rotonda na intersección da avenida de Fisterra coa rúa Gutenberg
agrela-polig
2 May 2025

O Concello da Coruña continúa coa súa aposta pola mellora das infraestruturas no polígono de Agrela e a súa contorna cun ambicioso plan de renovación de firme e construción de rotondas. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, anunciou que “as actuacións previstas arrincarán, previsiblemente, a vindeira semana”, sempre e cando o tempo o permita.

En concreto, o Concello renovará máis de 20.000 metros cadrados de firme nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e José María Rivera Corral. Destes, 14.500 m² corresponderán á rúa Severo Ochoa, considerada unha das principais arterias do polígono, e 7.500 m² ao conxunto de Galileo Galilei e José María Rivera Corral. “Estas vías soportan boa parte dos fluxos de mobilidade do transporte pesado que pasa por Agrela”, sinalou Díaz.

Como medida complementaria, instalarase un paso de peóns elevado no tramo central de Galileo Galilei para facilitar a mobilidade peonil e mellorar a seguridade viaria. “É unha medida necesaria polos fluxos de mobilidade peonil habituais neste sector da rúa e contribuirá á pacificación do tráfico rodado”, engadiu a concelleira. O investimento total destas actuacións ascende a 188.000 euros.

Ao mesmo tempo, avanzan as obras de construción dunha nova rotonda na intersección da avenida de Fisterra coa rúa Gutenberg, co obxectivo de mellorar a circulación e reforzar a seguridade no acceso ao polígono. Esta infraestrutura únese á rotonda xa operativa na rúa Gambrinus, co que se completa unha actuación conxunta que beneficia tamén aos barrios do Ventorrillo e a Silva.

O investimento previsto para a construción das dúas rotondas ascende a 785.000 euros, cofinanciados con fondos europeos Next Generation, e forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa Asociación de Empresarios de Agrela.

Estas intervencións en Agrela consolidan a aposta do executivo municipal por un modelo urbano máis accesible, seguro e eficiente para o tecido industrial e a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.17902994155884