A Coruña rendeu homenaxe a Curros Enríquez como acto previo ao Día da Patria Galega

ACoruñaXa
A intervención central do acto correu a cargo do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego
homenaxe-curros-enriquez-coruna
15 Jul 2025

O BNG da Coruña realizou este serán, nos Xardíns de Méndez Núñez, a xa tradicional homenaxe a Curros Enríquez, un tributo que alcanza a súa 31 edición e que se insire nos actos previos ao Día da Patria Galega que organizan o Bloque e Galiza Nova, a organización xuvenil do nacionalismo galego.

No evento tomaron a palabra Gonzalo Prado, o novo responsábel comarcal de Galiza Nova; Bea a da Estrella, concelleira do Bloque en Culleredo e o histórico sindicalista nacionalista Manuel Mera, quen fixo un retrato emocionado de Moncho Reboiras, no 50 aniversario do asasinato do mítico dirixente do soberanismo galego a mans da policía franquista.

A intervención central do acto correu a cargo do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.

No seu discurso, o deputado nacionalista contrapuxo a “traxectoria limpa do BNG” ante os lamentábeis episodios que sacoden a política estatal e que están a xerar certo descrédito na representación política. “O BNG, o nacionalismo galego, representa unha alternativa sólida e de futuro para a Galiza que se apoia no traballo honrado, incansábel e desinteresado de todas e todos os seus representantes. Estamos en Madrid para defender os intereses dos e das galegas por encima de todas as cousas. E xa estamos a ver que só as forzas soberanistas conseguen que haxa avances sociais e só o BNG consegue que haxa avances na Galiza”.

Do mesmo xeito, avanzou que a organización nacionalista estará vixilante para que os compromisos adquiridos polo executivo estatal -após asinar o Acordo de Investidura conseguido polo BNG- se leven a cabo. “O BNG nunca vai favorecer un Goberno da dereita ultra e da ultra dereita, mais tampouco daremos unha carta branca para nada nin para ninguén. O Goberno debe cumprir”, salienta Rego.

O deputado salienta que o nacionalismo é un movemento con crecente apoio social, o que lle vai permitir asumir nos próximos tempos novos retos, como máis gobernos municipais ou o Goberno da Galiza. “O BNG é a garantía da mudanza real que o noso País necesita, queremos seguir avanzando até construírmos unha nova Galiza, libre e soberana, que aproveite todas as potencialidades de desenvolvemento e asegure calidade de vida e benestar para toda a nosa xente”, subliña.

⚙ Configurar cookies
0.16915917396545