A Coruña renderá homenaxe a Rogelio Groba cun concerto este domingo no Teatro Colón

O Concello da Coruña, a Fundación Groba e a Orquestra de Cámara Galega volverán render homenaxe este domingo ao compositor Rogelio Groba cun concerto no Teatro Colón. A cita celebrarase o 1 de febreiro ás 19.00 horas e contará con entrada de balde ata completar a capacidade do recinto.
A presentación da actuación correu a cargo do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen salientou que o concerto propón un percorrido por obras representativas dunha das figuras máis destacadas da música galega contemporánea. Castro subliñou tamén a dimensión do homenaxeado como creador, pedagogo e impulsor de proxectos que marcaron un antes e un despois na vida musical do país.
No acto participou tamén Rogelio Groba Otero, fillo do compositor e director da Orquestra de Cámara Galega, que será a formación encargada de interpretar o programa. A actuación estará dirixida polo propio Groba Otero e contará coa participación do pianista Pablo Diago Busto como solista convidado.
Segundo indicou a organización, o repertorio foi deseñado para render tributo ao legado musical de Rogelio Groba e achegar ao gran público unha obra ampla e prolífica, considerada unha contribución esencial ao desenvolvemento da música clásica española. O director da Orquestra apuntou que a selección busca reflectir as principais liñas estéticas presentes na produción do compositor.
Gonzalo Castro convidou á cidadanía a asistir a unha velada musical nun espazo emblemático como o Teatro Colón e puxo en valor iniciativas que, segundo defendeu, recoñecen figuras clave da cultura galega e achegan a creación contemporánea ao público, reforzando ao tempo a relación da cidade coa música e co talento do país.