A Coruña rende homenaxe aos doutores Refaat Alathamna e Mohamed Safa nos Recoñecementos Acampa 2025 á defensa dos Dereitos Humanos

A cidadanía coruñesa brindou unha emotiva ovación aos doutores palestinos Refaat Alathamna e Mohamed Safa durante o acto de entrega dos Recoñecementos Acampa á defensa dos Dereitos Humanos 2025, un premio que se fai extensivo a todo o persoal sanitario de Gaza e ás persoas activistas que manteñen viva a causa palestina nun contexto marcado pola destrución diaria provocada polos ataques israelís na Franxa.
Na súa intervención, Alathamna subliñou o valor do apoio social europeo ao pobo palestino e explicou que sentir ese respaldo lles permitía resistir cada día nun escenario extremo. Lembrou aos seus compañeiros médicos e sanitarios, moitos deles falecidos ou feridos, e agradeceu o recoñecemento en nome de todos. Indicou que case o 80% do sistema sanitario de Gaza está destruído, mais que, malia iso, o persoal continúa traballando baixo ataques constantes. 'Os médicos e sanitarios salvan vidas, e iso é xusto o que Israel quere eliminar, a vida palestina', afirmou, antes de concluír cun chamamento á comunidade internacional: 'Gaza necesítaos a todos vostedes'.
O cineasta Javier Fesser destacou que 'Refaat representa moi ben a loita sen cuartel en pos da solidariedade e da supervivencia dun pobo que ten tanto que ensinarnos, representa os valores humanos que o agresor odia'. Engadiu que, á vista do pouco que puideron ou souberon facer fronte ao xenocidio os países do mundo, 'Gaza parece ser o único lugar real sobre a terra'.
Na súa quenda de palabra, tras recibir o Recoñecemento Acampa á defensa dos Dereitos Humanos na categoría Galicia, Mohamed Safa salientou a importancia dun galardón que pon en valor a necesidade de defender o fundamental, isto é, a liberdade, a solidariedade entendida en sentido amplo e a empatía coas persoas oprimidas. Compartiu os seus primeiros recordos na Cisxordania ocupada e relatou como foi medrando, en fronte dela, a súa palestinidade. 'O xenocidio ao que asistimos non é orfo, é un xenocidio colectivo e internacional', afirmou, para engadir que 'o terceiro mundo xa non é un concepto xeográfico, senón que se converteu na desigualdade xerarquizada, racial'. Convidou a seguir salvando as voces silenciadas e a recuperar e defender a memoria viva e a esperanza.
Refaat Alathamna, médico anestesista e intensivista formado en Bolivia, recolleu o recoñecemento en representación de todos os médicos e sanitarios de Gaza. Chegou hai moi poucos días a España, coa axuda de Javier Fesser, escapando xunto coa súa familia do que el mesmo definiu como o inferno gazatí. Aterrizou en Madrid coa súa muller e os seus seis fillos, o último deles nado en Xordania aos catro días de seren evacuados. Durante meses, as redes sociais de Alathamna serviron para que o mundo coñecese a realidade dos hospitais de Gaza, onde chegan mortos e feridos por centos cada día, esnaquizados polos ataques israelís, para seren atendidos en condicións infrahumanas no chan, en espazos ateigados. Tamén relatou a agonía diaria de buscar comida para os seus fillos, madeira para poder quentarse ou un acubillo seguro onde resgardalos, unha experiencia marcada por unha promesa, hoxe cumprida, aos seus fillos: 'vouvos sacar de aquí'.
Pola súa banda, o oftalmólogo Mohamed Safa, afincado na Costa da Morte desde hai décadas, ten unha grande responsabilidade na sensibilidade e proximidade que boa parte da sociedade galega sente cara ao pobo palestino. A súa voz solvente, o seu activismo na defensa dos dereitos do seu pobo e o seu compromiso firme convertérono nun referente indiscutible na materia. Conferencias, publicacións, intervencións en medios, calquera formato lle serve para achegar á cidadanía a realidade da causa palestina. Como resume un coñecido seu, 'na Costa da Morte coñecemos máis de Palestina, sentímola máis preto, que dalgunha parroquia perdida destes municipios, e iso débese ao activismo de Safa'.